As familias enfróntanse a unha volta ao cole máis dura que nunca

m. s. s / a. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A subida dos prezos e o regreso ao modelo físico supón un gran custo

27 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano, despois do verán chega setembro e con el a volta ao cole, temida polos rapaces pola rutina académica e temida polos pais polo gran gasto que supón a compra de material novo.

«Parece que os libros de texto non teñen teito», comenta Beatriz Aguín, da libraría Espazo Lector Nobel do Grove cando se lle pregunta polo incremento dos prezos dos útiles escolares. Relata como en oito anos o custo incrementouse en «12 ou 15 euros por libro», polo que para moitas familias é inasumible mercar todos os libros novos e acoden á compra de segunda man a través de coñecidos ou internet. A libraría Musa, en Meaño, fala de que hai unha escasa marxe entre o que custa o produto e o que gaña o establecemento porque se non os prezos dispararíanse e é imposible facer descontos.

As donas desta libraría, Míriam e Olga, tamén comentan que as listas de libros xa se publicaron en xuño, pero aínda non teñen as de material, xa que no colexio da zona hai aulas sen profesor. Isto, aínda que é entendible, convertese nun problema para os pais que nas mesmas datas nas que compran o material, teñen que realizar a vendima, polo que non teñen tempo. É por iso que a libraría Musa xa conta cun rexistro de 50 familias que lles piden que, en canto o establecemento reciba ao catálogo de material, prepare xa o paquete estándar.

Os anos anteriores grazas ao programa E-Dixgal da Xunta de Galicia as familias aforraban na compra de libros de texto, pero neste curso 2025/26 moitos centro decidiron pasarse a un formato mixto. Isto débese a que algúns contidos non estaban completamente dixitalizados ou adaptados e volven a usar o papel, algo que supón un novo gasto non só para as familias, senón tamén para os propios centros que teñen que mercar libros desa materia en concreto para o fondo solidario.

Tanto a libraría Musa de Meaño, como os Espazos Nobel de Vilagarcía e O Grove coinciden en que onde máis se pode aforrar é no material escolar xa que se pode recorrer a opcións máis económicas ou a algún desconto por ser socio. Pero comentan que como tenda, a volta ao cole supón unha gran inversión, xa que non reciben o diñeiro dos vales de material da Xunta ata meses despois da súa venda.

A libraría Espazo Lector Nobel do Grove sinalaba que o gasto medio nun rapaz de Educación Primaria oscila entre os 150 e 300 euros. Sonia García, encargada da libraría libraría Espazo Lector Nobel Arousa. de Vilagarcía, falaba tamén dun gasto medio de 300 euros, aínda que aclaraba que en infantil o prezo diminúe algo e en Eduación Secundaria ofrécense moitas axudas.

Con que apoios contan as familias da zona do Salnés

 

Na etapa de Educación Infantil non existe un fondo solidario de libros porque non hai libros de texto obrigatorio, pero si se pode pedir o vale para material escolar que pode ser de 75 euros, se a familia ten unha renda de menos de 6.000 euros, ou de 60 euros se a renda está entre os 6.000 e 10.000 euros.

No caso da Educación Primaria, en primeiro e segundo non existe un fondo de libros, pero si hai axudas directas para a compra destes de entre 160 e 240 euros. A partir de terceiro e ata sexto de primaria si existe xa un fondo solidario de libros de texto que segundo a renda da familia pódenlle ser outorgados entre catro e seis volumes. A maiores, poden optar ao vale polo material escolar. Por último, na Educación Secundaria pódese acceder tanto ao fondo solidario de libros de texto como ao vale para material escolar.

A Xunta de Galicia creou tamén o programa E-Dixgal para que o alumnado conte cunha plataforma dixital a través da cal acceder a contidos de libros de texto de forma electrónica e non ter que mercar os libros en físico a un prezo superior

A maiores, moitos Concellos soen ofrecer unha axuda complementaria para aquelas familias que a necesiten para comprar material escolar, que poden ser tanto obxectos de libraría como roupa deportiva. Polo de agora aínda non se sabe nada destas axudas xa que soen saír en setembro ou outubro.