A Bandeira da Concha exclúe a Amegrove por un erro burocrático e o club pide ser o último en sufrir algo así
AROUSA

A directiva do Grove critica que se lle retirara a inscrición pese a solucionar o problema en tres horas desde que fora advertida del, e fala de 8.000 euros irrecuperables en gastos comprometidos
29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As integrantes da primeira traiñeira feminina propia na historia do Amegrove Club de Remo comezaban a semana nunha nube. Tras completar unha tempada de ensoño na Liga Galega de Traiñeiras Feminina, cun terceiro posto na clasificación final, só quedaba gozar das dúas grandes citas do banco de remo fixo do ano: a Bandeira Teresa Herrera da Coruña, este sábado e domingo, e a clasificatoria da Bandeira da Concha, o vindeiro mércores, a antesala da regata de regatas que todos os clubs modestos aspiran a converter algún día no seu premio a un ano excepcional. Finalmente, a embarcación arousá terá que conformarse coa proba na cidade herculina, tras ser excluída da cita en Donosti por un erro burocrático, pese á rapidez da directiva de Amegrove á hora de resolvelo.
Julia Devesa Prieto, secretaria do club, remeira e a gran responsable de reunir esta tempada as 17 mulleres que permitiron sacar ao mar a primeira traiñeira feminina da historia do Amegrove, explica a sucesión de feitos, e pon voz á petición dunha entidade que lle reclama á organización da Bandeira da Concha que non volva a actuar así contra ningún outro club que, por falta de experiencia nestas cuestións, cometa un erro pero teña a ben corrixilo; e como no seu caso, en cuestión de escasas horas.
Amegrove CR foi un dos 24 clubs que preinscribiron en tempo o seu nome na clasificatoria da gran regata donostiarra, número máximo fixado polas bases da Bandeira da Concha. «O 5 de agosto déronnos o okey ao certificado da traiñeira, polo que pensabamos que estaba todo listo», di Julia. Cal foi a súa sorpresa e a de toda a xente do club arousán cando este martes, día 26, a oito días da disputa da clasificatoria, «recibimos un correo electrónico ás dez da mañá comunicándonos que tiñamos 8 remeiras sen ficha pola Federación Española de Remo, que todas as remeiras deben ter ficha dilixenciada coa FEGAR a 5 de agosto e que tiñamos que resolvelo á maior brevidade posible». Devesa e os seus compañeiros de directiva descubriron nese momento que así o recollía un dos artigos das bases de competición da Concha. Sendo que o equipo tiña programada unha tempada circunscrita ao eido galego, só once das súas dezasete remeiras fixeran ficha coa FEGAR, dilixenciándoa o resto coa Federación Galega de Remo. Tres horas máis tarde, Amegrove tíñao todo solucionado. Pero á organización vasca non lle valeu, e retirou o barco arousán da lista de participación.
Desde Amegrove poñen por diante que «a Concha non tiña a obriga de avisarnos de nada, porque está todo nas bases». Dito sito, Devesa debulla un alegato a prol do uso do sentido común en favor do remo e deses deportistas de equipos modestos que son os que alimentan a continuidade dun deporte tan duro e, para a maioría, con tan magras recompensas.
Aplicar a lóxica e a comprensión
«Para os clubs humildes, participar na Concha é un agasallo, unha ilusión, unha oportunidade de vivir o que viven os grandes. Estamos de acordo coas bases e co seu cumprimento [...] Pero tamén as persoas da organización cometen erros e deixan cousas atrás». Así, e falando desde a posición dunha directiva con pouca bagaxe de xestión, moito menos en citas desta altura, os responsables do Amegrove piden un cambio radical de enfoque para estes casos: «Señores organizadores, comités e federacións implicadas, cando un erro é reversible, debe aceptarse [...] Loitar polo deporte é estar, apoiar e axudar cando se necesita. É comprender e valorar o esforzo de todos os clubs que chegan ata aquí para demostrar que si se pode. Sabemos que non somos os primeiros afectados, pois isto xa lles pasou a outros clubs, e probablemente volverá pasar, porque por desgraza, sobra xente que queime este deporte tan sacrificado, pero, xa que non somos os primeiros, conformámonos con ser os últimos en pasar por este mal trago».
Julia Devesa conclúe desexando que «isto chegue a quen ten que chegar, que recapaciten —fala de posibles casos futuros—, que revisen esas bases [...] que pensen en todas esas remeiras e remeiros que quedan fóra por erros que non lles corresponden, por fallos que todo o mundo entende como solucionables... menos quen organiza, porque verdadeiramente non entende de loita, de compromiso e de humanidade». No tocante ao Amegrove, e sendo, sostén, que «no mar é onde se demostra, demostramos que si mereciamos estar aí, con todas as demais», conclúe Devesa.
Un roto duns 8.000 euros irrecuperables
A exclusión da Bandeira da Concha golpeou o corazón deportivo e anímico do Amegrove C.R. Pero tamén o fixo nas súas modestas arcas. E de que maneira. A súa secretaria, Julia Devesa, conta que o club tiña xa contratado o desprazamento e catro días de estancia en Euskadi para participar na clasificatoria da cita donostiarra. «Perdemos todo», afirma a directiva e remeira. E por todo, fala da orde duns 8.000 euros en gastos sen devolución.