O Vilablues Fest despide a edición con Gisele Jackson e Nico Wayne Toussaint
AROUSA

Vilanova moveráse ao ritmo do blues nunha xornada con concertos para todas as idades
30 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A segunda e última xornada da décima edición do Vilablues celébrase hoxe no pavillón multiusos de Vilanova de Arousa, con entrada gratuíta. Fusionando cultura, música e territorio, a cidade volve ir ao ritmo do blues.
O escenario do festival ten o privilexio de contar coa presenza de Gisele Jackson, unha cantante que foi de xira como corista de Ray Charles, Donna Summer e James Brown. A artista non ven soa, estará acompañada do trío barcelonés The Shu Shu's e ás 23.30 horas transmitirán o espírito do soul e a música de baile.
A proposta de hoxe tamén conta con outras dúas presenzas internacionais: a de Nico Wayne Toussaint (22 horas), aclamado e premiado multinstrumentista francés, e TT Syndicate (00 horas), unha banda de rhythm & soul europeo. O cartel complétase cos grupos nacionais: o proxecto de Vituco Neira, Malabesta realizará unha sesión vermú (13 horas); o dúo catalán The Suitcase Brothers (19 horas) e os vigueses Jay Doe & The Blues Preachers (20.15 horas).
A maiores, para os pequenos, ao mediodía desenvolverase o Vilablues Nenos na praza do parque. No caso de choiva, os concertos realizaríanse na Confraría Taberna Cultural.