A Volta a Galicia arrincará de Ribadumia con Martín Rey entre os favoritos

AROUSA

Unha contrarreloxo individual o día 11 precederá a unha etapa en Caldas con paso polo interior do Salnés e Vilagarcía
03 sep 2025 . Actualizado a las 20:25 h.Ribadumia será o xoves 11 de setembro o punto de partida da vixésimo terceira edición da Volta a Galicia Elite e Sub 23. A localidade do Salnés gozará ese día dunha contrareloxo individual de 7,3 quilómetros que permitirá ver en acción un a un nas súas rúas e estradas os integrantes dos 17 equipos que aspiran a coroar a un dos seus ciclistas ao termo da cuarta e derradeira etapa, o domingo 14 no porto de Ferrol tras case 500 quilómetros de carreira. E entre o grandes favoritos, o vilagarcián do Cortizo, Martín Rey, gañador da xeral da rolda galaica no ano 2023.
A casa do concello ribadumiense foi este mércores o escenario da presentación da contrarreloxo individual de apertura. Un acto encabezado polo alcalde, David Castro, con presenza, entre outros, do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e do director da Volta a Galicia, Jacobo Ucha. Este último explicou que os corredores atoparán 7,3 quilómetros chans no primeiro día de competición, un terreo propicio para os especialistas. A saída do primeiro dos integrantes do pelotón daráse ás 18 horas na avenida de Ribadumia, punto tamén de chegada. A previsión, dúas horas de idas e venidas dos contrareloxistas pola zona de Barrantes e o primeiro punto neurálxico da Volta a Galicia
Un día despois, o venres 12, a rolda sairá ás doce e media da mañá do centro de Caldas de Reis, para percorrer os concellos de Cuntis, da Estrada, de Campo Lameiro, de Pontevedra e de Barro e volver ao Salnés por Vilanoviña, para cruzar A Goulla, Portarís, Mosteiro, San Salvador de Meis, Barrantes, Ribadumia, Pontearnelas, O Sisto, András, subir o monte Lobeira, atravesar as avenidas Agustín Romero, Rodrigo de Mendoza e As Carolinas de Vilagarcía de Arousa, superar o alto do Pousadoiro e chegar á Tafona de Caldas de Reis. Serán 138 quilómetros, coas ascensións a Lobeira, a 16 quilómetros da meta, e ao Pousadoiro, a 7, portos os dous de terceira categoría, podendo dar pé aos primeiros peneirados no pelotón.
A Volta a Galicia, que vivirá a súa etapa raíña o sábado 13 en terras da Mariña luguesa con saída e con chegada a Barreiros (138,3 quilómetros) para rematar o día seguinte en Ferrol (130), contará con oito equipos galegos e seis do resto de España, ademais de co portugués Maia Earth e cos italianos Campana Imballagi e Ciclistica Rostese.
Os rivais a bater
Jacobo Ucha situou a Martín Rey como un dos tres principais candidatos a facerse coa xeral, recordando que «foi segundo na xeral final da Copa de España Élite e Sub 23 —con once carreiras puntuables—, a finais de xullo gañou a xeral da Vuelta a Castilla-León e a comezos de agosto estou convencido de que tería gañado a Vuelta a Zamora, pero na derradeira etapa, de montaña e propicia para el, á que chegaba terceiro, sufriu unha caída». Tras dez días de recuperación, o corredor do Cortizo chegará en principio en boas condicións para pelexar o que sería o seu segundo triunfo na Volta a Galicia na despedida da súa etapa como ciclista sub 23.
O director da rolda galaica sitúa os andaluces José María Martín e Adrián Benito, compañeiros no Extremadura Pebetero, como grandes rivais de Martín Rey a vindeira semana, logo dunha tempada na que, coma o vilagarcián, suman varios triunfos en voltas e carreiras elite e sub 23.