
Galicia Foro Empresarial abre a inscrición para a súa nova actividade, programada para o 26 de setembro e aberta ao empresariado do Salnés, de Caldas e do Barbanza
11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Orixinario dun pequeno pobo de Ghana, Ousman Umar cruzou con tan só 12 anos o deserto do Sáhara para chegar a España. Foi o inicio dunha longa e dura travesía que continuou nun país estraño, ao que tivo que adaptarse e no que pelexou por atopar o seu sitio. Fundador da ONG Nasco Feeding Minds, autor do libro Viaje al país de los blancos e recoñecido con distincións da talla do Premio Princesa de Girona e a selección como European Young Leader, Umar ofrecerá o 26 de setembro no Auditorio Arousa Coworking —antiga sede da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa— unha charla sobre resiliencia, sobre liderado e sobre innovación social aplicables ao mundo da empresa.
A charla corre a cargo de Galicia Foro Empresarial, a entidade nacida como punto de encontro, de debate e de formación para o tecido empresarial das comarcas do Salnés, de Caldas e do Barbanza. Nesta ocasión, animando os integrantes do seu colectivo diana a coñecer de primeira man como a visión social e o emprendemento poden xerar valor e futuro.
Incrición aberta
Dado o aforo limitado do Auditorio Arousa Coworking, desde Galicia Foro Empresarial empraza a todos os interesados en presenciar a charla de Ousman Umar a inscribirse a través da páxina web da entidade sen ánimo de lucro: http://galiciaforoempresarial.com.