
Os pobos europeos mobilízanse contr ao xenocidio en Gaza, mentres os estados polemizan
21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pois si, parece mentira pero a ONU di que hoxe é o Día Internacional da Paz. Vale. Ese organismo, como se sabe, quixo ser a semente dun goberno universal. Constituíuse despois da Segunda Guerra Mundial e a Carta da súa Fundación, Tratado Internacional, haberá que tomala nestes tempos de impotencia colectiva como unha novela non sei se de humor ou de terror. Di nela que se xuntaron todos os pobos para «preservar as xeracións vindeiras do flaxelo da guerra que lle trae sufrimentos indicibles á Humanidade», e que se reafirma nos dereitos fundamentais, na dignidade e no valor da persoa humana e na igualdade de dereitos das nacións, para que convivan en paz. Establece tamén que os Estados deberán xuntar as súas forzas para o mantemento da paz e da seguridade. Novela, ficción.
Na actualidade pode parecer, e parece, que os ditados dese organismo teñen semellanza cun predicador ao que lle aplican aquilo de que «predica meu frade, que por un oído me entra e por outro me sae». O sentido común dinos que non debería ser así e unha das loitas xurídicas que hoxe valen a pena é a de tentar dotar á ONU de mandatos imperativos. A ONU tiña que ser escoitada, obedecida, pero non hai maneira: as únicas voces, interesadas que se oen son as dos estados que interveñen nos conflitos, o que provoca parcialidade, división: Uns a favor duns e outros a favor doutros, e ningún a prol dos mortos de cada día. E, entre tanto, á ONU só lle queda predicar.
As imaxes, inodoras, da televisión son terroríficas: ataques a cidadáns, destrución de infraestruturas civís, desprazamentos de poboación. É probable que no futuro a ONU, como fixo nos casos de Ruanda ou da antiga Iugoslavia, cree un Tribunal Internacional, ou que parte dos culpables sexan postos a disposición dalgún órgano xurisdicional. Todo será, como sempre fai a xustiza, a posteriori. É a orde habitual: primeiro cométese o crime e despois actúa a xustiza. Nestes momentos ese esquema, incerto, non vale. Non soluciona nada esperar que dentro de vinte anos se produza unha sentenza condenatoria. Agora debería ser o momento da política. Que en Gaza, e noutros lugares, se está a cometer un xenocidio, torturas, terrorismo e outros crimes contra a Humanidade non ten dúbida. O Convenio para a prevención e a sanción do delito de xenocidio foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1948 —España sumouse vinte anos despois— . Nese Tratado dise que todos os Estados, en paz ou en guerra, quedan comprometidos a previr e sancionar o xenocidio que define cando se quere destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso provocando matanzas, lesións graves, someténdoo a condicións que leven á súa destrución física total ou parcial ou trasladando nenos pola forza. En Gaza, aparte do incumprimento ata das normas da guerra, hai xenocidio. Estáse a cometer á vista dos estados, tendo, todos, a obriga legal de paralo.
Hoxe é o Día Internacional da Paz. Pero ocorre que este ano a ONU xa non se dirixe a eses estados, porque seguramente entende que predica no deserto, ou se deu conta daquilo de que por un oído me entra e por outro me sae. E, por iso, opta, desesperada, por dirixirse a cada cidadán. Pídelle a todas as persoas —tamén ás da comarca de Arousa— que fagan todo o posible para que se alcance a paz. Dinos, literalmente, que «Vivimos tempos de turbulencias, axitación e incerteza, polo que é fundamental que todos emprendamos accións concretas para mobilizármonos en favor da paz. Todas as persoas temos un papel que desempeñar, desde as forzas de mantemento da paz en primeira liña de conflito ata os membros da comunidade e os estudantes nas aulas de todo o mundo. Debemos alzar a voz contra a violencia, o odio, a discriminación e a desigualdade». A ONU fracasou cos estados e diríxese, directamente, sen intermediarios, á xente. Dá a impresión de que a xente empeza a responder, aínda que hai quen a quere facer calar. Non debería parar, entre outras moitas razóns para que a paz non sexa a paz dos cemiterios.