Leyre Villamediana clasifícase para o Sector Oeste de Judo como campioa galega

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A deportista vilagarciá do Judo Club Pontevedra amplía o seu gran final de tempada

15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A deportista vilagarciá do Judo Club Pontevedra Leyre Villamediana confirmou o pasado sábado a súa presenza entre as grandes promesas do país no seu deporte proclamándose nova campioa galega absoluta na categoría feminina de menos de 63 quilogramos. Un título que habilita de forma directa a loitadora arousá para participar no Sector Oeste do Campionato de España Absoluto, derradeira cita para seleccionar as aspirantes ao título estatal, que este ano se disputará en Galicia. Concretamente, no coruñés Pazo dos Deportes de Riazor, o domingo 2 de novembro.

O sábado pasado, Leyre Villamediana demostrou ser a mellor entre as catro competidoras participantes no Campionato Galego Absoluto, nun formato de liga no Pavillón Municipal A Xunqueira de Ferrol. A arousá tivo preto nesta ocasión o seu adestrador en Vilagarcía de Arousa, Fran Miguens, e a David Fernández de la Iglesia, este último, como técnico en pista.

A coroa autonómica de categoría absoluta confirma o grande estado de forma no que Leyre Villamediana, judoka inda en categoría de formación, chega a este final de tempada 2025, sumando o ouro galego ao que se colgaba o mes pasado na Copa de España A Júnior de Galicia.