Contos e premios para celebrar en Vilagarcía o Día das Bibliotecas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía está a programar os actos cos que vai celebrar o Día das Bibliotecas. Actividades infantís de balde e a entrega dos diplomas aos mellores lectores do ano anterior son o eixo da proposta que están a elaborar dende Ravella. Desenvolverase este os días 24 e 25 deste mes, con dúas sesións de contacontos para animar aos máis pequenos á lectura. Para participar nestas actividades non é necesario facer inscrición previa e desenvolveranse na Sala Infantil da biblioteca.

A primeira parada do programa será o vindeiro venres, ás cinco e media da tarde, cando se fará entrega dos diplomas aos mellores lectores e usuarios do servizo de préstamo infantil e xuvenil do ano pasado. Ao acto de entrega de diplomas acudirán tanto o alcalde, Alberto Varela, como a concelleira de Educación, Paola María, ademais dos galardoados, que recibirán un lote de libros como agasallo. A continuación, sobre as seis da tarde, celebrarase unha actividade lúdica dirixida a nenos a partir dos catro anos. Trátase dun espectáculo de contacontos e animación, que leva por título «Contos animados» e que correrá a cargo da compañía Os Carballiños.

Xa ao día seguinte, o 25, ás doce do mediodía levarase a cabo outra iniciativa consistente nunha narración oral e animada baixo o título «Historias dun mundo grande», a cargo de Fran Ameixeiras e da compañía Bandullo Azul. Conta a historia da cadeliña Becki e das súas viaxes polo mundo. Esta actividade está dirixida a rapazada a partir de catro anos e ata os once.

As dúas actividades anunciadas intégranse no servizo de extensión cultural da biblioteca municipal de Vilagarcía, co que se pretende fomentar o hábito da lectura durante os primeiros anos de idade, así coma dar a coñecer o servizo municipal entre as familias da localidade.