Da defensa de como alcanzar a paz

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

José Pardo

Unha das lacras actuais, como en toda a historia da Humanidade, é a guerra na que, por certo, non morren os malos, senón os pobres

18 oct 2025 . Actualizado a las 22:33 h.

Non che sei se esta columna dispón de lectores, aínda que teño a ilusión de que si. Non ten por que, xa que o autor traballa de avogado artesán, quen, como os demais colegas que enfocan a profesión dese xeito —máis recomendables que calquera empregado de multinacionais da avogacía, alleos á concepción primixenia dun avogado que só ten o interese do cliente— non tivo ocasión de colgar nas paredes títulos de doutorado, nin teses de Filosofía, Antropoloxía, Socioloxía ou calquera outro mestrado rimbombante. Ostento, simplemente, os coñecementos dun avogado, ad-vocatus, o que fala por outro nos tribunais e asume ese alto encargo buscando saber máis do asunto concreto que ninguén para que un xuíz poida valorar os aspectos totais do debate. É a pequena grandeza destes letrados, aínda que representa un esforzo descomunal. Pois iso: que esta columna non ten por que ser de culto, nin de nada que se lle pareza, xa que coa anuencia semanal —gracias— da Voz de Galicia espera expresar o que un cidadán normal que anda ás voltas polo Salnés vaia topando nese ir e vir decotío. Nestes tempos de tanta efervescencia mundial o que se me dá por ver é que o mundo regresa ás tramas sinxelas das películas do Oeste, nas que o artista, hábil co Colt, sempre resolve coa simpleza duns tiros. Exáltase nelas o valor individual dun fulano, líder, adaíl, paladín, esquecendo a forza invencible do sistema que, así, nunca queda cuestionado. Neste ir e vir atópome, como calquera outro, desconcertado. Vostede, lector, e eu, estamos conformes en que unha das lacras actuais, como en toda a historia da Humanidade, é a guerra na que, por certo, non morren os malos, senón os pobres. Representa a peor enfermidade que sufrimos e por moito que se repita non parece haber vacina, medicación, nin cirurxía que a elimine. A Humanidade non foi quen de aprender nada da súa reiteración, como se a guerra viñese inscrita nos xenes da raza humana. Nin sequera existen partes do planeta inmunes porque, de súpeto, infesta calquera zona. Cando foi da guerra dos Balcáns viamos xente coma nós a fuxir da soldadesca. Non estamos libres de que aquí se repita e, menos, coa deplorable crispación política actual na que se anda a ver quen aldraxa mellor, que só pode concibir odio, antesala da guerra. Hoxe quería falar do estupor, palabra de moda, da xente do común diante de dous xeitos de, en aparencia, querer eliminar as guerras. Falo das receitas opostas que nos prescriben ONU e OTAN para acadar a paz, a saúde do mundo, dicindo o mesmo con idénticas palabras, con total exactitude. Lembremos quen é cadaquén. A ONU preséntase indicando que naceu o 24 de outubro de 1945, para combater a guerra, agrupa a 193 Estados e que é o único lugar da Terra onde todas as nacións —corrixiría escribindo Estados— poden xuntarse, discutir problemas e atopar solucións compartidas que beneficien a toda a Humanidade. A OTAN, concibida como antídoto do fenecido Pacto de Varsovia, está integrada por países europeos, Canadá e Estados Unidos, ningún do Sur Global, e agora mesmo comandada de facto por un individuo cos xeitos dun protagonista dunha película do Oeste de serie B. Esta organización, potente, chamada do Atlántico Norte, pregoa que a seguridade é a chave do benestar, —sobreenténdese que dos seus membros opulentos— di promover valores democráticos, ter o compromiso de resolver controversias de xeito pacífico e que se as xestións diplomáticas non dan resultado pode emprender «operacións de xestión de crises» —chámalle así—. Aí o teñen: de portas para fóra os dous organismos utilizan as mesmas palabras para curar ao mundo das guerras e procurar a paz. A ONU —que agrupa a todo o planeta— receita o desarme e desde o vindeiro venres, aniversario da súa fundación, conmemora a Semana do Desarme. A OTAN busca a mesma finalidade de xeito contrario e prescribe aos 32 membros, algúns que formaran parte do Pacto de Varsovia, que cheguen ao 5% de cadanseu PIB en gasto en armas, incentivados cada xornada por ese vello home do Oeste que vende os mellores Colts. Co dubidoso valor de non ser experto en nada, avogo pola ONU e o desarme, crendo que aí está o interese da xente do común —esa que morre nas guerras—. Iso si, doutores ten a Igrexa para facérennos ver do branco, negro.