A cita celebra a brillante escena intelectual que xermolou na vila a comezos do s. XX. Este ano rescata a figura do mestre e ilustre Pastor Pombo
21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro 28 de outubro cúmprense 159 anos do nacemento de Valle-Inclán, o que significa o comezo en Vilanova dunha nova edición da semana da cultura. Unha cita que nos últimos tempos foi ampliando o seu foco máis alá do xenio do esperpento, dándolle peso tamén as figuras dos irmáns Camba e que nesta ocasión aproveitará a publicación da biografía A Vilanova literaria de Don Pastor, do cronista oficial e xornalista Benito Leiro, para homenaxear a outro vilanovés ilustre, Pastor Pombo. Trátase da biografía dunha relevante personalidade local que, ademais de ser mestre na vila durante 30 anos e fundador do pósito de pescadores no 1924, foi amigo dos tres escritores e espectador privilexiado dos seus faladoiros literarios.
O libro será presentado o xoves 23 na igrexa da Pastoriza, ás oito da tarde. Á mañá seguinte, comezarán as homenaxes a Valle-Inclán cunha lectura dun dos seus textos na mesma igrexa. Ás once e media, aproveitando o día das bibliotecas, representarase na municipal o contacontos A fada Diana. Xa o sábado, ás seis, tamén na igrexa, celebrarase un Samaín anticipado da man da compañía Barafunda, con Quen dixo medo?. E o domingo, no auditorio que leva o nome do vilanovés máis famoso, celebrarase o concerto Descubrindo a Valle-Inclán, de Teo Cardalda e María Monsonís. O luns, a casa-museo ofrecerá visitas dramatizadas de balde. O martes, data conmemorada, terá lugar a ofrenda floral ao escritor baixo o seu busto á unha da tarde. Por último, o venres 31 estará dedicado á celebración dos 25 anos do nacemento da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e os 50 números da revista Cuadrante. Os actos terán lugar na casa-museo.