O BNG de Catoira presentará emendas aos orzamentos da Xunta

La Voz CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O alcalde Xoán Castaño critica que as contas autonómicas non recollan investimentos relevantes para o municipio e denuncia a «amnesia continuada» do goberno galego

23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Catoira presentará, a través do seu grupo parlamentar, varias emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia co obxectivo de incorporar investimentos pendentes no municipio. As propostas inclúen partidas para a construción de novos accesos ao polígono industrial, melloras na estrada PO-548 e actuacións na rede de saneamento.

O alcalde de Catoira, Xoán Castaño, sinala que as contas autonómicas apenas inclúen «unha actuación inconcreta» relacionada coas inundacións do Ulla e critica a «amnesia continuada» do goberno autonómico sobre as necesidades históricas da vila. Segundo o rexedor, «non se ve que o PP teña en conta ás veciñas e veciños: cero euros para as actuacións importantes que levamos anos e anos demandando». Castaño lamenta que as solicitudes do Concello «estean sempre no Día da Marmota», xa que son reiteradas en cada exercicio sen obter resposta. Lembra que as peticións de mellora dos accesos ao polígono industrial e da PO-548 foron expostas recentemente á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nun encontro celebrado en Pontevedra.

A construción dun novo acceso ao polígono industrial considérase prioritaria debido ás dificultades actuais para o tránsito de vehículos de gran tamaño, obrigados a realizar manobras que xeran problemas de seguranza viaria. Entre as opcións trasladadas á Xunta figura a creación dunha nova entrada pola zona de Abalo, que permitiría evitar o paso de camións polos núcleos residenciais do Paseo do Miradoiro e das Gabeiras.

En relación coa estrada PO-548, o rexedor indica que soporta un tráfico medio diario superior aos 4.500 vehículos e que presenta deficiencias ao longo do seu percorrido polo municipio. Por iso, solicitará á Xunta a construción de beirarrúas nas dúas marxes da vía para mellorar a seguridade peonil na zona urbana. O alcalde tamén reclama que o goberno autonómico asuma a mellora de varios tramos da rede de saneamento. Finalmente, Castaño considera insuficiente que os orzamentos de 2026 só inclúan unha partida xenérica para zonas inundables na contorna do Ulla.