Benito Leiro: «Don Pastor asistiu de preto á eclosión da Vilanova literaria»

xacobe lamas VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O cronista oficial da vila rescata a biografía de «o mestre do pósito», amigo da infancia de Valle-Inclán e mestre dos irmáns Camba

23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilanova inicia hoxe a súa semana cultural na que cada ano homenaxea a figura do seu escritor máis ilustre, e faino celebrando ás oito da tarde na igrexa da Pastoriza a presentación dun novo libro de Benito Leiro. En A Vilanova literaria de Don Pastor, traza o perfil biográfico de Pastor Pombo, unha relevante figura na localidade no tránsito do século XIX ao XX, amigo da infancia de Valle-Inclán e mestre dos irmáns Camba.

—Quen foi Pastor Pombo?

—Don Pastor foi un vilanovés nado en 1866, no mesmo ano que Valle-Inclán, e cuxa casa estaba ao lado do Cuadrante. Comezou a súa andadura como mestre na Illa de Arousa, no 1888, pero no 1891 volveu a súa vila natal. Foi instrutor de varias xeracións de nenos, dos que gardamos os seus listados. Entre eles, os irmáns Camba.

—Consérvase a súa documentación privada?

—Este libro nace coma unha secuela da biografía de Julio Camba que publiquei no 2022. Os Pombo herdaron a casa dos Camba, e consigo, a documentación, cartas e fotografías coas que me nutrín para aquela obra. Durante o proceso de investigación foron aparecendo documentos do propio Pastor. Non os suficientes como para facer unha biografía, pero si como para trazar un perfil.

—Cal foi a relación deste home cos Valle e cos Camba?

De Valle foi amigo dende a infancia, foron a escola xuntos e conservaron a relación ata a madurez, como demostran varias cartas. Don Pastor foi íntimo amigo dos pais dos Camba, ata o punto de que estes apadriñaron a un dos fillos do mestre. E Julio e Francisco foron os seus alumnos, aprenderon a ler e escribir da súa man. Don Pastor foi testemuña dos comezos dos tres autores. Sabía que Valle-Inclán escribía e que os mozos Camba editaban dende a súa casa unha pequena revista infantil. Asistiu de preto á eclosión da Vilanova literaria. Unha Vilanova que anos despois tería coñecemento de que un dos seus veciños mudado a Madrid estaba a revolucionar o teatro e a literatura hispánicas, outro escribía e exercía de correspondente para algunhas das cabeceiras máis relevantes do país e o terceiro escribía novelas de moita sona e éxito. Algo inaudito nunha localidade, daquela, de pouco máis de 1.000 habitantes.

—Que papel tivo Don Pastor na Vilanova de comezos do XX?

—Foi fedatario da vida social do concello. A súa faceta fundamental foi a de mestre, pero tamén fixo de notario eclesiástico, tomando nota de matrimonios e bautizos, e foi impulsor de iniciativas sociais e industriais. Por exemplo, no 1900 participou na creación da primeira sociedade de pescadores da vila, un precedente do que sería o pósito, que tamén axudaría a levantar no 1924.

—Pero tiña relación co mar?

—A relación que podía ter calquera vilanovés. Vilanova miraba ao mar, era centro de importantes industrias de salgadura que se sostiñan grazas á abundancia de sardiñas na ría de Arousa. Dende aquí exportábanse sardiñas ao levante español, a Francia e Italia. Don Pastor era un home implicado na vida da vila e por iso formou parte do nacemento do pósito, cuxa primeira sede estivo na súa propia casa. Dende a fundación, foi mestre dos fillos dos mariñeiros socios. Era un home apreciado polos veciños, percibido como bondadoso e honrado. Proba disto é que cando o pai de Valle-Inclán ofreceulle mediar para que lle outorgasen o título de mestre nacional, categoría superior á que el exercía, Don Pastor declinou. Non lle gustaban ese tipo de favores.

—Acabou os seus días en Vilanova?

—Si, morreu no 1954. O meu pai aínda o lembra, era un señor que chamaba a atención, moi alto e que paseaba con bastón e sombreiro. Xa xubilado, acostumaba camiñar tódolos días dende a súa casa ata o casino das Sinas. A súa documentación foi doada polos seus descendentes ao Concello de Vilanova. Eu solo tiven tempo de mirar con atención a metade da mesma, polo que aínda poden saír moitos datos de aí.