Diego Piay sitúa a Valga coma punto de interese para coñecer máis da Idade Antiga
AROUSA
O libro O territorio de Valga en época romana. Do asentamento dos Cileni á villa Valliga presentouse onte nun acto co seu autor, o pontevedrés Diego Piay Augusto, acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, e polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.
Piay destacou que as dúas cuestións de máis interese sobre a época antiga teñen a Valga como protagonista. Por unha parte, a localización da Turris Augusti, un monumento na honra do emperador César Augusto que, segundo o xeógrafo Pomponio Mela, se emprazaba na desembocadura do río Sar, nun lugar que correspondería coa parroquia de Campaña. A segunda cuestión de interese é o lugar de enterramento do disidente cristián Prisciliano, que segundo algunhas teorías sería Os Martores, defendido por Piay coma un dos principais enclaves do territorio valgués, «pero a pesar diso nunca se realizaron exploracións arqueolóxicas», lamenta. Facelas, sostén, permitiría obter ademais datos sobre o centro de culto a Mercurio que existiu no lugar na época altoimperial, sobre a posterior igrexa cristiá erixida na zona ou sobre o uso funerario da época sueva.