Festas Culturais ACD Dorna convoca unha reunión na procura de relevo. Será o venres ás 19 h no Salón de Plenos do Concello de A Illa
18 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tras oito anos de intenso traballo, o colectivo Festas Culturais da ACD Dorna busca zume novo que tome o relevo na organización do Entroido arousán. Son a mente e as mans detrás de boa parte das actividades «dunha das festas máis emblemáticas da nosa vila, xunto ao Carme e San Xulián», explica a vicepresidenta, Covadonga Dios.
A renovación é urxente xa que a asociación conta cada vez con menos integrantes: «Entre cargas familiares, o traballo e problemas de saúde é difícil sacar adiante tantas tarefas», recoñecen. Son moitas cousas nas que pensar: dende permisos administrativos, ata organización de actividades infantís, a contratación da carpa, da música... O que os leva a sentirse un tanto saturados: «Son moitos anos de traballo, necesitamos que xente nova capitanee a organización», din. Na procura dese relevo, convocan unha reunión este venres no Salón de Plenos do Concello ás 19 horas «co obxectivo de sumar novas mans, ideas e enerxía».
Que ninguén sinta vertixe, porque os antigos membros son «moi entroideiros» e van a «estar dispoñibles para dar consello, orientación e ata para vender rifas se fai falla», apunta Covadonga.
Ademais, contan coa estela de todo o traballo realizado: «Cando creamos a sección de Festas Culturais tivemos que pelexar duro por conseguir que cresen en nós e tamén para lograr orzamentos. Agora mesmo, o apoio do Concello é fundamental, están completamente comprometidos con nós, así que nese sentido non hai que ter medo», explican.
Trátase dunha tradición, pero moi anárquica, aínda que soe contraditorio: «Non buscamos un modelo pechado, senón unha construción comunitaria onde cada idea e cada achega sumen. Cantas máis persoas se involucren, máis fiel será o Entroido ao que sempre caracterizou esta terra: diversidade, humor, irreverencia e participación», reflexiona a agrupación. Festas Culturais da ACD Dorna lembra que esta festa só pode manter o seu espírito se a cidadanía se implica activamente. O tempo bule, as celebracións son a mediados de febreiro do 2026 e queda moito por facer: «Se se quere, aínda é posible».