A Xunta saca a concurso a limpeza dos centros de saúde da comarca

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe da entrada do centro de saúde de Catoira
Imaxe da entrada do centro de saúde de Catoira Martina Miser

A empresa gañadora asumirá o servizo durante medio ano

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), vén de sacar a licitación un novo contrato de limpeza do centro de especialidades de Mollavao, na cidade de Pontevedra, e de 24 centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e do Salnés, incluídos a maior parte dos que atenden a poboación da banda sur de Arousa. Entre as instalacións obxecto do contrato en tramitación figuran os centros de saúde de Vilagarcía de Arousa, do Grove, de Dena, de Meaño, de Mosteiro (Meis), de Vilalonga, de Ribadumia, da Illa de Arousa e de Catoira.

A proposta de licitación figura no Portal de Contratos Públicos de Galicia, cunha duración de seis meses e cun prezo de saída conxunto de 552.840,06 euros para as dúas ducias de centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o centro de especialidades de Mollavao. A empresa que acabe facéndose coa concesión terá en conta o nivel de uso de cada instalación, segundo teña actividade asistencial exclusivamente en horario de mañá, en horario de mañá e de tarde, ou ben conte cun punto de atención continuada para urxencias de atención primaria que estenda o seu funcionamento os 7 días da semana e as 24 horas do día. A superficie total a limpar é duns 27.900 metros cadrados.

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 21 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas a través do Portal de Contratos Públicos e Galicia.