Ás veces o Dicionario da Real Academia Galega, un pozo de sabedoría, equivócase
01 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Ás veces o Dicionario da Real Academia Galega, un pozo de sabedoría, equivócase. Di que seba (Zostera marina ou noltii), —recomenda dicir ceba e recolle a denominación xebra—, é unha planta acuática mariña da que existen diversas especies, de follas filiformes, moi abundante nas costas galegas. Acerta, claro, no de que é unha planta acuática mariña aínda que podería explicarse un pouquiño máis engadindo que se trata dun cereal moi nutritivo que tamén vale para alimentación humana e é cultivable. Tamén atina cando explica que as súas follas son filiformes, pero podería mencionar que ten flores e froitos en espiga. Cando engade que é moi abundante nas costas galegas, erra bastante. Está anticuado, obsoleto. Xa non é así. Haberá que pedir que o corrixan. Non é que no mundo estea en risco de desaparición, porque para o hemisferio Norte catalógana como Preocupación Menor. Mais na ría de Arousa esa inquietude debería ser enorme porque só queda unha zona de sebas polo sureste da Toxa, e algunhas outras disque —disque— en Cabo de Cruz e Boiro. Fálase doutra pradaría pequena en Ribeira, pero non parece haber moita máis, cando, no seu tempo, formou extensións importantes, nas que se desenvolvían hábitats de moi grande riqueza biolóxica. Está ameazada pola contaminación, maiormente derivada da defectuosa depuración das augas residuais, que a vai matando; e pola actividade humana sobre ela que ata realizou tarefas subvencionadas de extirpación.
Dise que, a nivel mundial, desde principios do século XX desapareceu o 30% da súa superficie. Crece a pouca profundidade en sedimentos de area e con escasa exposición ás marusías, habitualmente en badías con aportes de auga doce. Estas pradarías mariñas dan alimento e refuxio a peixes, moluscos, ata aos cabaliños de mar e son lugares de posta de diversas especies; melloran a calidade da auga, son moi eficientes sumidoiros de carbono, —explícase que poden almacenar ata o 18 % do carbono oceánico mundial— o que as converte nunha extraordinaria ferramenta natural para facer fronte aos efectos do cambio climático e tamén para diminuír a acidificación dos océanos. A ONU, facendo ver a importancia destes ecosistemas, declarou o 1 de marzo como Día Mundial dos Pastos Mariños, e busca crear a conciencia de que hai que conservalos. Hai restaurantes famosos que a empezan a empregar nos seus pratos —sabe algo así como a arroz— e ata chega importada desde México. A voz de alarma sobre a situación na ría de Arousa, a verdade, nin ninguén a emite, nin se escoita cando debería ser un grito inmenso e colectivo, cheo de angustia. Déanlle hoxe, fagan un favor, un repaso aos medios de comunicación. O máis probable, ogallá me equivoque, é que ninguén estea a falar das sebas. Se cadra, se berrásemos e nos escoitasen, igual non teriamos que dicirlle á Real Academia Galega que cambie no Dicionario a definición de seba, ceba ou xebra. A realidade, triste, é que haberá que falar con ela.