O Arousa busca recuperar terreo co Compos a costa do modesto Viveiro

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Acción do último partido do Arousa na Lomba, o pasado domingo, con empate final a 2 co Atlético Arteixo.
Acción do último partido do Arousa na Lomba, o pasado domingo, con empate final a 2 co Atlético Arteixo. MONICA IRAGO

Gonza pide fidelidade á idea do equipo para evitar esta tarde un partido aberto. O club ofrécelles aos socios un autobús para acompañar o domingo o conxunto arlequinado ao campo do Montañeros

18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa abre esta tarde a vixésimo sexta xornada de Liga da Tercera RFEF recibindo o Viveiro no estadio municipal da Lomba (19.00 horas). Sobre o papel, un duelo do máis desigual, co conxunto vilagarcián segundo na clasificación a dous puntos do Compostela e o seu rival ocupando a quinta praza pola cola da táboa, con 7 puntos de vantaxe sobre o Juventud Cambados que lle dan unha relativa tranquilidade respecto ao posto que podería mandar o seu ocupante á Preferente se a Sarriana acaba descendendo desde a Segunda RFEF. 

Chega o Arousa ao ecuador da primeira das dúas semanas de tres partidos que lle tocará encarar no prazo de 21 días coa mellor xeira do campionato, invicto no que vai de 2026 con seis triunfos e tres empates. Un patrimonio que, como no caso de tantas familias ricas, deixa insatisfeito a quen o acumulou, por canto non basta para o que quere. O 2-2 do pasado domingo diante do Atlético Arteixo desfixo a igualada no alto da táboa cun Compos que aproveitou para volver situarse líder en solitario. Pero tamén sinalou o único lunar na xeira vitoriosa do Arousa, que nos seus catro partidos na Lomba desde o cambio do ano, só deu sumado os tres puntos unha vez, cun 1-0 sobre o Gran Peña, escapándoselle media ducia de puntos en cadanseu empates co Juventud Cambados (1-1), co Alondras (2-2) e o do pasado domingo ante o Atlético Arteixo.

O adestrador do conxunto arlequinado, Gonza, declarou na véspera do encontro en rolda de prensa que encadra os tres empates enumerados como «resultados que se poden dar», se ben recoñeceu que «para nós é moi importante volver gañar na casa, e que se nos escapen o menor número de puntos da Lomba».

Conseguilo pasa por respectar moito o todos os rivais, en tanto, sinala, «agora xa se vai notando que se achega o final da Liga e todo o mundo dá un puntiño máis», de aí o complicado que é conseguir dispoñer dalgo como o que ten entre mans o Arousa, unha xeira de nove partidos sumando.

Para darlle continuidade, Gonza advertiu da necesidade de que sexa hoxe o seu equipo o que leve o peso do xogo a través do balón, instalándose en campo contrario, preto da área rival. Porque o que menos lle interesa ao Arousa ante un opoñente das características do Viveiro, di, é «un partido aberto, con moitas situacións de duelos que dean pé a que eles saquen accións a balón parado, faltas e saques de esquina, nos que son moi fortes».

Sen baixas nas filas locais, Gonza confía en que a enorme profundidade do seu banco, a anos luz da do modesto Viveiro, lle axude ao Arousa a acabar de impoñerse pola forza do ritmo, que poderá manter ou mesmo incrementar cos trocos na segunda metade.

O club pon un bus o domingo á Coruña para os socios

A semana de tres xornadas na que se atopa inmerso o Arousa concluirá este domingo cunha visita ao terreo de xogo do Atlético Coruña Montañeros, nun partido con hora de inicio ás 12.30. A fin de contar co maior número posible de gorxas animando o equipo de Gonza, a directiva do club arlequinado porá a disposición dos seus socios un autobús. O seu custe, 5 euros por persoa, agás os socios con carné especial, para os que será gratuíto. Os interesados deben anotarse nas oficinas do Arousa hoxe de 11 a 13 horas ou pola tarde durante o partido de Liga contra o Viveiro. O club resérvase o dereito de cancelar o bus de non acadar un mínimo de 40 apuntados.