É probable que ningunha outra cidade teña, como Vilagarcía, o privilexio de que lle vaian configurando a súa historia dun xeito tan fermoso e xeneroso
12 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Téñolle envexa, enorme, a José Ramón Alonso de la Torre, que me acompaña na contraportada destas páxinas da Voz de Arousa cada domingo. Envexa, pero chea de admiración. Só lle gaño nun parámetro que seguramente non coñece: levo máis anos ca el escribindo en La Voz de Galicia. Pero, xa se sabe, cantidade non é calidade —non multa sed multum—, nin por suposto, compito en número de lectores. O motivo desta denteira é a súa extraordinaria, infinita, capacidade de escribir tantos anos case en exclusiva sobre Vilagarcía e as súas xentes, moldeando sucesos, persoeiros e cidade. Domingo tras domingo, aí o temos con esa súa prosa áxil e elegante, sen tanta subordinada como poño eu, a falar ben de Vilagarcía e dos vilagarciáns, aínda que, ás veces, faga algunhas referencias a O Grove e ao moi recordado Elías Lamelas —bo avogado, boa xente—.
Esa admiración por tal variación é absoluta; uso a palabra variación no sentido musical: modificación dun tema musical pola introdución de distintos aspectos melódicos, harmónicos, tonais ou rítmicos- Réndome. Porque, ademais, as súas crónicas dominicais transmiten respecto, cariño, amor por Vilagarcía. Leva esa cidade ao cumio. Fainos crer que é o centro do mundo, para un estremeño coma el. Léndoo dá a impresión de que Vilagarcía é algo así como un novo Edén pero normalizado, no que habitan persoeiros únicos que van contribuíndo a mellorar ese elisio, e onde todo transcorre cunha placidez british. Cando vou a esa cidade, queira non queira, camiño por ela coa perspectiva que ao longo de centos de domingos foi construíndo José Ramón e, ás veces, en determinados puntos, lembro columnas súas e ando cos ollos abertos ás xentes que vou topando por ver se son quen de descubrir habitantes dese universo, quizá xa literario, que, semana a semana, foi creando.
E, si, tamén atendo as súas recomendacións de restaurantes, establecementos de hostalaría e praza, e recoñezo que fun buscar onde estaría o mitolóxico Callejón del Viento. Intento comprobar se esa Vilagarcía que describe Alonso de la Torre, que máis é conformada polas súas xentes que por unha cuestión xeográfica, existe; se é real. Porque, a verdade, el describe persoeiros —non vou dicir inmortaliza, pero case, case—, que quedan no ambiente e parece que teñen que xurdir en calquera boca dunha rúa. Saír nas súas crónicas é ir tendo un lugar na historia de Vilagarcía.
Aínda que ás veces matino que esa Vilagarcía non exista como a describe el e que veña sendo algo así como unha nova Macondo, Camelot, Oz, Comala ou, máis achegada, Castroforte do Baralla. E menciono esta de Torrente Ballester porque dixo que Galicia é un pobo lóxico instalado nunha terra máxica; unha frase que podo alterar un algo para afirmar que Alonso De la Torre transforma aos vilagarciáns, xente lóxica, emprendedora, nos habitantes dunha cidade máxica e plácida con xente que aínda mantén o encanto de saber de quen vén sendo cada un.
Raramente as páxinas dun periódico, e máis as columnas de opinión, se recordan ao día seguinte. Non ocorre así coas colaboracións de Alonso de la Torre, porque sempre deixan bo sabor, pracer de ler, de descubrir algo ordinariamente extraordinario a carón. É como se alcanzase a sabedoría para convencernos de que o normal é singular en Vilagarcía. Iso consegue que os vilagarciáns saiban valorar aos veciños e sentirse orgullosos deles. Convénceos de que non son uns calquera. Ten sorte Vilagarcía coas columnas periodísticas deste valente escritor, por ser capaz de realzar a xente vilagarcián ata que non saibamos moi ben se todo é mito ou historia. Desde logo, é probable que ningunha cidade teña o privilexio de que lle vaian configurando a súa historia dun xeito tan fermoso e xeneroso. Tereille que ter envexa. A el e aos vilagarciáns.