«Esperta, Maio; ponte na onda!»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Vilagarcía celebrou a chegada da primavera con cantigas e flores

02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A mañá quedou boa para celebrar este venres, en Vilagarcía, un novo inicio do ciclo da vida. A Festa dos Maios ten nesta cidade o seu último reduto no sur da ría de Arousa, onde pouco a pouco foron esmorecendo citas como a que onte reuniu na praza da Segunda República a máis de medio cento de composicións florais nas que a tradición foi da man de propostas máis audaces e novidosas. Foran elaboradas, con paciencia e maña, por 25 participantes, entre os que figuraban once colectivos, boa parte deles vinculados cos colexios da vila.

Ademais da exposición dos maios —que estivo aberta durante toda a xornada na explanada granítica veciña ao auditorio—, a media mañá actuaron os grupos, que tiñan que cantar as letriñas compostas para a ocasión. Esas cantigas, cheas de retranca e humor, son un dos elementos característicos desta festa, que noutros tempos máis escuros era aproveitada pola cidadanía para deslizar as súas críticas a unhas autoridades todopoderosas e omnipresentes ás que, normalmente, non se lles podía levar a contraria. Como pasa no Entroido, as cantigas dos maios abrían un espazo para a denuncia e para a queixa, convenientemente mesturada con risas e chanzas.

Con risas e chanzas, por exemplo, a rapazada do colexio Arealonga, despois de reclamarlle ao Maio que espertase e que se puxese «na onda», cuestionou o sistema do Bico e vai!, unha fórmula de aparcamento rápido coa que Ravella quere poñer orde no tráfico do entorno dos colexios, sobre todo nas horas de entrada e saída das aulas. Tamén se escoitaron críticas á Xunta pola falta de atención que ten cos colexios da localidade. Iso, dende o ámbito da educación. O colectivo Contra Vento e Marea, da Laxe, dedicou os seus versos á situación de crise que vive a ría de Arousa. «Atentos, señores, a este papel roto, que morreu a burra de Juan, o piloto», arrancaba a composición, que describía o enterro do mar arousán facendo desfilar a moitas figuras da política vilagarciá e galega. Non faltou nin Rosa Abuín con mantilla, nin Rueda pasando «o cepillo». A asociación, en calquera caso, atopou sitio entre os seus versos para falar do tráfico e das multas, un clásico no certame vilagarcián: «Como o maio está mal aparcado, Varela xa mandou aos guardias recado».

As voces dos grupos participantes expandíronse fronte a un público que, se vén non ateigaba a praza da Segunda República, si que prestaba atención tanto ao que ocorría no palco, como ás composicións florais. De aquí ou de fóra —algún estranxeiro gozou dunha festa que descubriu de casualidade— parábanse diante das distinta modalidades de maios e sacaban fotos. As figuras que máis abondaban eran as caixas, con quince traballos que abordaban temas ben dispares; detrás íanlle os maios clásicos: catorce conos de fiuncho, pampullos e outras flores; sete cruces e cinco barcos completaban a mostra.