Buscan na comarca do Salnés familias para sumarse ao programa Vacacións en paz
AROUSA
Solidaridade galega co pobo saharauí quere traer a Galicia a trescentos nenos e nenas de entre oito e doce anos
07 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) quixo lanzar onte un «chamamento de solidariedade ás familias do Salnés para que nenos e nenas poidan saír dos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental este verán». O colectivo aspira a «traer a trescentos rapaces a Galicia para que, un ano máis, poidan evitar as altas temperaturas que se viven nos campamentos nestas datas, recibir atención sanitaria e unha boa alimentación».
Para cumprir ese obxectivo é preciso ter familias dispostas para a acollida, e iso é precisamente o que pide asociación, que «a sociedade galega se una a este tren solidario, que leva máis de trinta anos axudando ás familias saharauís que viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf desde que Marrocos invadiu o Sáhara Occidental no ano 1975». Lembran que grazas ao programa Vacacións en Paz, rapaces de entre oito e doce anos pasan dous meses de convivencia xunto as súas familias acolledoras de Galicia, coa posibilidade de repetir experiencia durante tres ou catro veráns. «A experiencia resulta moi enriquecedora a nivel humano para as familias acolledoras e o seu entorno, reforza valores importantes como a solidariedade e aporta un cúmulo de emocións positivas».
As persoas que queiran participar no programa ou obter máis información poden poñerse en contacto con SOGAPS no correo asociacionsogaps@yahoo.es, teléfono 986 262 637 ou ben ao través do whatsapp 678 727 382.