O club organizador contará cun de cada seis participantes
29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O circuíto de adestramentos do Club Ciclista Ribadumia na parroquia de Leiro verá multiplicada este domingo a súa imaxe diaria de balbordo de corredores novos coa disputa da oitava edición da Mini BTT Concello de Ribadumia. Acompañado polo alcalde, David Castro, o presidente do club organizador, Javier Pombo, informaba onte na presentación da cita deportiva da inscrición de 431 corredores, unha das máis altas na traxectoria da carreira.
Rapaces desde os 3 aos 14 anos irán saíndo sucesivamente desde as dez da mañá do domingo nas trece carreiras programadas para as categorías benxamín, promesa, principiantes, alevín e infantil.
Desde o Club Ciclista Ribadumia animaron a calquera neno da localidade e da contorna a achegarse á Mini BTT Concello de Ribadumia para descubrir as razóns polas que a entidade local dispón de 85 ciclistas anotados na carreira, con cadansúa ficha federativa; isto é, un de cada seis apuntados. Javier Pombo lembrou que o seu club mantén aberto o acceso de rapaces na súa escola durante todo o ano.