A Xunta presume de investimentos por case 600.000 euros na Illa

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Mónica Irago

O delegado en Pontevedra visitou hoxe as obras realizadas na praia de Barbafeita

01 feb 2023 . Actualizado a las 16:10 h.

A Xunta cifra en case 600.000 os euros que recibiu o Concello da Illa dentro das liñas de apoio da Xunta ao eido local, tanto para a mellora de infraestruturas como para accións ambientais. Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a propósito da visita que realizou á praia de Barbafeita, onde se invistiron 30.000 euros -na imaxe- ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) co  obxectivo de protexer as dunas da presión humana e facilitar a súa rexeneración.

 Ademais da visitada hoxe, levaronse a cabo outras accións para a protección e mellora do espazo dunar na praia de Area de Secada, unha das dúas do municipio que adoitan contar con bandeira azul, e do borde litoral do Furado. Ademais, apuntan desde a Xunta, este Concello é un dos beneficiarios das axudas para a adquisición de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais, cunha contía de 33.600 euros e, a maiores, recibe neste ano preto de 200.000 euros do Fondo Base de Cooperación Local, segundo informan desde o Goberno autonómico.