Cando Alfonso XII estivo en Goday e do resto da historia das salgaduras e conserveiras da Illa
A ILLA DE AROUSA
Genito e Dopico presentan este venres un novo libro que afonda nas orixes desta industria
12 dic 2024 . Actualizado a las 18:18 h.Só os máis vellos lembran a importancia que tivo a industria da salgadura e da conserva na Illa de Arousa. A última fábrica, a de Odosa, pechou as súas portas a principios dos anos noventa nun episodio que alimentou moitos titulares. Desde entón non se volveu enlatar nin unha sardiña nin un mexillón máis no pobo, así pois hai dúas xeracións que creceron sen escoitar as sereas que marcaban o ritmo da vida na Illa, dando conta das horas de entrada e saída nas fábricas.
Agora hai un novo libro que rescata esta historia grazas ao traballo de dúas desas persoas preocupadas e ocupadas pola memoria colectiva das vilas; José Luciano Otero Besada, máis coñecido como Genito, e Xoán Dopico Orjales asinan Salgadura e Conservas da Illa de Arousa, que este venres (18 horas) presentan no centro da Interpretación da Conserva da Illa nun acto ao que asistirán o presidente da Asociación Cultural Dorna, Carlos Chaves, —que edita a publicación— e a concelleira de Cultura, Laura Castro.
Cunha tirada de 1.500 exemplares é moi probable que non tarden en esgotarse tendo en conta que son gratuítos, grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra e á colaboración do Concello. Isto permitirá ter nas mans un documento repleto de datos e fotografías, algunhas tan meritorias como o da protesta de centos de barcos en augas de Vilagarcía, en 1920.
A historia da salgadura —o sistema que se empregaba para conservación do peixe antes de que se inventaran as latas e os frigoríficos— remóntase aos romanos. De feito, na zona do Faro hai vestixios daquela época e hai outras moitas referencias. Salga seguía facéndose nas casas no século XV, no ano 1754 estaban rexistradas quince salgas e o que era unha actividade doméstica converterse nunha industria a mediados do XIX coa chegada dos cataláns. O salgado e prensado do peixe dou lugar a unha florecente industria conserveira chegando a coincidir na Illa dez fábricas a pleno rendemento nos anos 30 e 40. Ao longo do século XX funcionaron un total de quince: a primeira, aberta en 1879, foi a de Goday e logo viñeron Benito Guillán Dios, Otero Diz y Otero (Odosa), Francisco Otero Mariño, Ramón Guillán de Dios, Manuel Guillán de Dios —foron varios irmáns os que se dedicaron a este sector—, Bouzada y Gil, Juan Rial Ordóñez, Alipio Santiago Piñeiro, Francisco Suárez Cores, José Roberto Crespo Loira, Viuda de Emilio Iglesias, Conservas Comaira, Juan Pereira Rodríguez e Conservas Dardo.
Esta industria tivo tanto peso na economía local que eran poucas as casas nas que non entraba un soldo grazas ela, aínda que era un traballo mal pagado e en condicións precarias que, ás veces, recaía en nenas en idade escolar.
De todo elo falan Genito e Dopico ao longo de 200 páxinas nas que non podía faltar, en non falta, o relato de cando o rey Alfonso XII visitou a fábrica de Goday. O seu barco, que saíra de Vilagarcía rumbo a Marín, veuse atrapado pola néboa no medio da ría e o monarca decidiu que era boa idea poñer o pé nunha illa descoñecida para el. Tampouco falta a referencia a Luis Zulueta, o francés que contratou Goday para implantar o sistema de enlatado de Nantes, e a outros moitos nomes e datas que aos millennial quédanlle lonxe. Con ese espírito sae este libro á rúa, para que nada se perda na demoledora apisoadora do tempo a xente nova coñeza como viviron os seus antepasados e como era a vida antes da ponte, explica Genito.