O PP da Illa pide rebaixas fiscais «para todos»

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A oposición sostén que o goberno local aceptou unha quincena de recursos de reposición contra as taxas de lixo e saneamento

07 may 2025 . Actualizado a las 15:34 h.

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa informa de que o bipartito vén de aceptar os recursos de reposición contra as novas taxas de lixo e saneamento presentados por unha quincena de negocios e, paralelamente, a devolución das contías cobradas, que oscilan en cada caso entre os 33 e os 440 euros por recibo. «Ademais, nesa mesma Xunta Local de Goberno tamén se revisou de oficio o importe destes tributos á baixa a prol dunha pequena empresa, pero se denegaron os recursos presentados no mesmo sentido por ata trece locais de hostalería», segundo os datos que manexa o grupo da oposición

Os populares consideran esta rebaixa «de xustiza», pero piden que se aplique a todos os casos «sen facer distincións e discriminacións».

Paralelamente, o PP vai demandar explicacións ao goberno municipal para que actúe «con transparencia» e os veciños saiban a que aterse en materia fiscal. «A brutal suba de impostos non tiña sentido como dicimos sempre desde o PP e agora póñense a recuar ou son incapaces de pasar os recibos axeitadamente e cóbranlle de máis á xente, co prexuízo que lles supón adiantar os cartos para que logo teñan que devolvelos. En calquera dos dous casos estamos ante unha situación grave, ben polo seu voraz afán recadatorio contra a xente, ben por neglixencia», manifestou o voceiro municipal, Matías Cañón.