A Illa restaurará o cruceiro do século XIX que foi obxecto de actos vandálicos
A ILLA DE AROUSA
O Concello vai solicitar unha subvención para afrontar un investimento de 5.609 euros
31 may 2025 . Actualizado a las 10:43 h.O Concello da Illa vén de aprobar o proxecto de restauración do cruceiro histórico situado na rúa Cruceiro, un ben patrimonial catalogado que sufriu graves danos por actos vandálicos en febreiro de 2023. A intervención, para a que se solicitará unha subvención ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), suporá un investimento total de 5.609 euros e permitirá recuperar este elemento patrimonial de gran valor histórico e cultural para o municipio.
O cruceiro, datado no século XIX, está catalogado como ben cultural a protexer no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). É un dos tres que existen no casco urbano e destaca por ser o único que conservaba a súa estrutura e pedra orixinal ata o momento dos danos. Está formado por dous chanzos e unha base rectangular, un fuste de sección cadrada e capitel dórico con dobre imaxe: a da Virxe mirando cara á rúa Agro da Porta e a de Xesucristo cara á rúa Salga.
En febreiro de 2023 o cruceiro sufriu graves danos vandálicos que provocaron a rotura da cruz en aproximadamente dez anacos. Dende entón, o Concello mantivo os fragmentos custodiados no almacén municipal á espera de poder acometer a reparación. «Grazas a esta restauración, poderemos devolver o conxunto ao seu estado orixinal, recompoñendo os anacos ata formar unha única peza que volva coroar o cruceiro», indica o alcalde, Luis Arosa.