A reforma das Casas dos Mestres para comedor escolar contará coa Deputación
A ILLA DE AROUSA

A comunidade escolar da Illa de Arousa pasará a contar co tan demandado servizo tras un investimento de máis de 150.000 euros
22 ago 2025 . Actualizado a las 20:25 h.A comunidade escolar da Illa de Arousa conta os meses para poder dispoñer dun servizo tan ansiado e requirido como o dun comedor dispoñible para os alumnos do CEIP Torre-Illa. Un servizo que figura no alto da lista de melloras que o colexio insular gañará unha vez conclúa o proxecto de reacondicionamento das Casas dos Mestres, coa achega da Deputación de Pontevedra.
A xunta de goberno do ente provincial aproba no día de hoxe unha partida de máis de 150.000 euros para financiar as obras dos inmobles a través do Plan +Provincia. Un diñeiro que, explicou onte durante a súa visita á Illa de Arousa o deputado provincial Marcos Guisasola, permitirá aproveitar uns espazos neste momento en desuso. No andar baixo, para a posta en marcha dun comedor escolar do que hoxe carece o centro escolar, destinándose o resto a áreas para o uso da comunidade educativa e a súa ANPA, nos que albergar desde obradoiros a ludotecas en períodos non lectivos.
A nivel técnico, debullou Guisasola, a intervención da Deputación resolverá as deficiencias construtivas das Casas dos Mestres, con melloras das instalacións enerxéticas e a habitabilidade das edificacións obrando na envolvente térmica e a acústica da cuberta e das fachadas. Tamén se substituirán as carpinterías, demoliránse tabiques interiores, prepararánse as instalacións de cara a posible instalación futura de aerotermia, faránse novos aseos e conectaránse interiormente as vivendas para conseguir un espazo continuo. Iso na planta baixa. No andar superior tan só se demolerán os tabiques interiores, quedando a intervención completa para unha fase posterior.
Na súa visita á Illa de Arousa, Guisasola salientou os preto de medio millón de euros que este ano destinará a Deputación de Pontevedra á localidade insular a través do Plan +Provincia.