A Pereka impón a súa lei nunha Regata do Bao dedicada á memoria a Monchito do Cabodeiro

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Martina Miser

Homenaxe ao carpinteiro de ribeira que lle deu vida a 360 dornas desde o seu obradoiro na Illa de Arousa</span>

24 ago 2025 . Actualizado a las 18:03 h.

Os acordes da Marcha do Antigo Reino de Galicia agromando do punteiro dunha gaita soen falar dunha ocasión solemne. Así foi na soleada tarde do penúltimo sábado de agosto ás portas do vello obradoiro de Monchito do Cabodeiro. Decenas de veciños e xentes do mar participaron na sentida e merecida homenaxe que a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa lle quixo render a un dos bos e xenerosos que forman xa parte da historia. Un home que a finais do pasado mes de marzo cruzaba á outra beira do río da vida deixando tras de si un legado ao alcance de poucos, con 360 dornas saídas do traballo esforzado das mans de quen axudou a conservar parte do patrimonio cultural e existencial do seu pobo.

Antes da saída da Regata do Bao, como prólogo de tantos que se sentiron en débeda con el, Monchito do Cabodeiro recibiu a homenaxe que non sempre teñen aqueles que fan tanto en tanto silencio, pero que dificilmente se lles escapa aos veciños da Illa para cos seus. Familiares de Ramón Blanco Nieto, que así se chamaba o último gran carpinteiro de ribeira despedido na Arousa, puideron sentir o calor dos asistentes. Cunha ducia de dornas a vela completando o marco dun acto sen máis palabras que as que acompañaron a cada quen na súa interpretación persoal das notas da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada pola gaita dun dos integrantes da Asociación Cultural e Deportiva Dorna mentres se izaban as velas de cada unha das embarcacións presentes nunha escena cargada de emotividade.

Nada máis finalizar o recoñecemento, a ducia de dornas a vela trasladáronse ata a praia do Bao para sumarse a outras tantas na area e tomar a saída dunha das regatas máis sobranceiras da competición mariñeira tradicional de Galicia. Chegadas de Cambados, do Grove, de Ribeira e ata de Vigo, as tripulacións participantes tiveron que probar a súa destreza para, saíndo desde terra, aparellar o antes posible o temón e a vela antes de coller rumbo e cumprir co trazado da regata.

Nin a caída á auga dun dos seus membros nas manobras de aparello previa á navegación impediu que a Pereka confirmase a súa condición de dorna raíña de Galicia. Cun tempo de 17 minutos, 53 segundos e 34 centésimas, a súa parella tripulante impúxose nunha final de infarto, cos sete primeiros barcos en oito segundos e a Nécora segunda cun tempo de 17.55,40.