A iniciativa Soror promoverá entre as mulleres da Illa autocoidados e divulgará sobre a violencia machista

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

O auditorio municipal acollerá estes talleres durante tódolos luns de novembro e o 1 e 15 de decembro

28 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A concellería de Educación e Igualdade da Illa de Arousa pon en marcha durante o próximo mes e medio os obradoiros Soror, que abordarán a autoestima e os autocoidados na muller e divulgarán acerca da violencia machista e a súa prevención. Un conxunto de actividades que terá lugar no auditorio tódolos luns de novembro, ademais dos días 1 e 15 de decembro a partir das sete da tarde.

Baixo o lema «Autocoidándonos!», esta iniciativa procurará promover entre as mulleres maiores de 18 anos do municipio a importancia dos coidados e da valoración propia, achegando ferramentas de apoderamento que melloren a súa calidade de vida, poñendo especial atención no perfil da «muller coidadora». Tamén buscará divulgar acerca das diferentes formas nas que se manifesta e expresa a violencia machista para axudar na súa detección e prevención.

Soror ten como obxectivo axudar ás participantes a identificar e valorar as súas fortalezas e logros, promovendo unha percepción positiva de si mesmas, e fomentar conciencia sobre as emocións e crenzas que afectan á autoestima, para transformar aquelas que limiten o crecemento persoal. Ademais, ofrecerán actividades e técnicas que as participantes poidan incorporar na súa vida diaria para fortalecer a súa autoestima e promover o apoderamento. Por último, os talleres servirán para visibilizar e aprender a recoñecer prácticas machistas presentes na sociedade e posibles violencias coas que as mulleres deben convivir no seu día a día.

As prazas son limitadas e para participar, as interesadas, que deben ser muller maiores de idade censadas no concello de A Illa de Arousa, deberán inscribirse a través do enderezo electrónico info@anacoseducativos.com ou ben no número de teléfono 694216484. Os obradoiros forman parte das actividades contempladas no Plan de Igualdades de Oportunidades Municipal, que busca encarar a nivel local a situación de desigualdade entre homes e mulleres e a violencia de xénero.