A depuradora da Illa entra nunha nova fase coa construción dos decantadores e o reactor biolóxico

xacobe lamas A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

As obras avanzan acorde aos prazos previstos e, de seguir así, espérase que as novas instalacións estean operativas a finais do 2026

30 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A construción da nova depuradora da Illa avanza «a bo ritmo», segundo as propias palabras do Concello, e entra agora nunha nova fase co levantamento de dous elementos fundamentais para o seu funcionamento: os decantadores e o reactor biolóxico.

O proxecto da nova EDAR, que vén substituír unha infraestrutura deficiente que no pasado fixo incorrer ao municipio en infraccións ambientais, contempla un ano e medio de obras dende a súa adxudicación e seis meses máis de posta a punto. Dado que a adxudicación foi publicada en setembro do 2024, prevese que as actuacións rematen antes do verán do 2026 e que a depuradora comece a funcionar a finais do vindeiro ano. Uns prazos que Luis Arosa, alcalde da localidade, confía en que se cumpran sen problema, se a climatoloxía non o dificulta.

A maquinaría da empresa adxudicataria atópase agora mesmo centrada na construción das estruturas de formigón que darán forma aos decantadores. Unhas pezas centrais dentro do proceso depurador, dado que se encargan de separar os sólidos e sedimentos das augas residuais. Unha labor efectiva neste punto do tratamento das augas reduce considerablemente o traballo necesario nas operacións seguintes. Pola súa parte, o reactor biolóxico trátase dunha tecnoloxía que, a través do uso de microorganismos de forma controlada, degrada a materia orgánica e os nutrientes presentes nas augas, producindo un resultado máis respectuoso co medio ambiente.

En beneficio da ría

Arosa quixo facer fincapé precisamente no factor ambiental e no progreso que suporá esta nova infraestrutura tanto para o entorno da Illa como para o coidado da ría: «Cada día de traballo nesta EDAR é un día gañado para o noso mar e para a nosa xente». «O avance nos decantadores e no reactor biolóxico achéganos a ter un sistema de depuración moderno, que cumpre cos estándares europeos e que, sobre todo, protexe a nosa xoia máis prezada: a ría de Arousa o noso mar», engadiu.

A nova depuradora está a levantarse a poucos metros da actual, da cal aproveitará parte da súa infraestrutura para reducir gastos. O custos do proxecto estímanse nuns 8,5 millóns de euros, dos cales un 20 % proveñen das arcas do Concello, e o resto son financiados dende o goberno central, a través da empresa publica Acuaes. «Estes 8,5 millóns de euros son o mellor investimento que podemos facer na calidade de vida e no futuro económico e ambiental de A Illa de Arousa. A ría e os nosos veciños meréceno», declarou o rexedor arousán.