A Illa avanza na humanización de Naval, Marqués de Bradomín e Manuel de Graña por 500.000 euros

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

. A actuación transformará a accesibilidade, renovará infraestruturas básicas e creará un novo espazo público dinamizador

02 nov 2025 . Actualizado a las 19:03 h.

O Concello da Illa de vén de sacar a licitación o proxecto de humanización das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel de Graña, cun investimento de medio millón de euros. A actuación transformará a accesibilidade, renovará infraestruturas básicas e creará un novo espazo público dinamizador.

A intervención deseñada pola institución municipal ten como obxectivo conectar de forma integral e accesible as rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel de Graña co paseo do Naval, cuxa transformación xa fora acometida en fases anteriores, reforzando así a continuidade urbana e a mobilidade peonil.

O alcalde da Illa, o socialista Luis Arosa, subliñou onte a importancia desta actuación: «Hoxe damos un paso adiante na modernización unha parte do noso centro urbano. Despois dun longo traballo técnico e de xestión do financiamento, iniciamos a licitación dun proxecto que mellorará o día a día da veciñanza e a imaxe da nosa vila».

Arosa salientou tamén o carácter innovador das obras que mellorarán esta serie de espazos: «Ademais de renovar as infraestruturas básicas —como a rede de saneamento e o soterramento das liñas eléctricas—, a obra inclúe a creación dun pequeno anfiteatro nos xardíns fronte as casas modernistas. Este enclave converterase nun novo punto de encontro cultural e social, pensado para acoller pequenas actuacións e actividades ao aire libre, enriquecendo a vida comunitaria da Arousa».

Renovación sustentable

O proxecto de humanización aposta pola calidade e a accesibilidade a través de diferentes liñas de actuación. Para comezar, a que ten que ver coas infraestruturas esenciais e apuntan á renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga para evitar filtracións e mellorar o rendemento.

En canto á eficiencia e á paisaxe urbana, a intervención comprende o soterramento das liñas de baixa tensión e telecomunicacións, e instalación de iluminación LED de baixo consumo para reducir o gasto enerxético e a contaminación lumínica.

Pensando na mobilidade e na accesibilidade haberá tamén un novo pavimento e un deseño urbano que garantan a accesibilidade universal e faciliten o tránsito peonil.

Por último, está contemplada a instalación de novo mobiliario urbano, zonas verdes e arborado para mellorar o confort e a calidade ambiental. O Concello confía en que o proceso de licitación avance con axilidade e espera ter a obra adxudicada antes de rematar este ano ou, como moi tarde, a principios de xaneiro de 2026, cun prazo de execución estimado de cinco meses, co obxectivo de iniciar as obras no menor tempo posible.