![](https://img.lavdg.com/sc/1wfIaEB6hXhCBN0Vh76-_wQMtFA=/480x/2016/02/07/00121454806142470566817/Foto/C22M5073.jpg)
Con choiva ou sen ela, a actriz vai estar hoxe e o martes na vila para sumar o seu humor ao das carrozas e comparsas
07 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.A televisión fíxoa popular con programas como «Land Róber», «Air Galicia» ou «O show dos Tonechos» e as series «Padre Casares», «A vida por diante» e «O Nordés». No seu currículo tamén hai algo de cine e ata ficou na política, que unha cousa non quita a outra. Agora tócalle lidar co Entroido. Hoxe e martes estará en Cambados para conducir os concursos de carrozas, disfraces e comparsas que van celebrar na vila, e abofé que vai ser quen de poñer ao público a rir. A idea era que se subira ao palco montado na Praza do Concello, pero febreiro púxose ventoso e todo apunta a que haberá que ir a cuberto, no salón Peña.
-¿Xa estivera antes nesta vila ou vai ser unha estrea?
-Coñézoa, como non. Cambados é de visita obrigada. Estiven no albariño... e teño una anécdota moi bonita con este pobo. A miña avoa chamábame Sabeliña de Cambados.
-¿E logo, ten familia por aquí?
-Non, non sei de onde vén iso... Vese que a miña avoa quería que me sentirá un pouco das Rías Baixas. Eu son das Mariñas, de Sada, e teño familia en Ourense e en Lugo, así que faltaba Pontevedra. Xa teño as catro circunscricións galegas.
-¿Como é isto de meterse a estrela do entroido?
-Xa estiven traballando nos entroidos de Arteixo e Cedeira e logo, pola miña conta, vou ao de Xinzo e ao de Laza. Esta é una festa moi nosa que gústame moito e hai que manter. Agora veño a Cambados e, por certo, quero agradecer ao Concello por terme en conta para algo así.
-¿Que Isabel Risco van atopar en Cambados, a que coñecemos pola televisión, a dos escenarios ou vai presentar un novo rexistro?
-Adaptareime ao entroido cambadés, intentando arrincar o máximo de sorrisos posible. Eu pouco teño que facer, seguro que a xente xa ven con gañas de festa e eu espero ser un máis. Unireime á festa.
-Xa se sabe que o entroido da moito xogo para meterse cos políticos, e vendo como anda o patio nestes días, ¿vai meter moita caña?
-Se xorde haberá que meterlle algo.
-¿Pola dereita ou pola esquerda?
-A quen o mereza (risos), aínda que eu teño as miñas inclinacións (Isabel Risco foi nas listas do BNG no 2014). Pero haberá que deixarse levar. O noso humor ten esa retranca tan elegante e tan sutil que haberá que sacar fóra. Iso é o que dá liberdade para meterse con todo o que se move.
-¿Filloas ou orellas?
-Eu son filloeira pero as orellas tamén me gustan, o que pasa que como menos cantidade.
-Dan choiva, ¿como vai facer para loitar contra os elementos?
-Se non se pode con eles, hai que xuntarse a eles. Aquí estamos afeitos a que chova así que non nos vai quitar de facer festa. Seguro que a xente vai ter moito ánimo, e se chove, que chova.
-Saberá que vaille dar o relevo a Pepo Suevos. Desde hai anos era el quen collía o micrófono para darlle paso aos disfraces e comentar as carrozas.
-Non o sabía, non. Pois se cadra haberá que chamar a Pepo para que me informe como vai o entroido por aquí por Cambados.