A primeira vitoria da tempada saca o Vilagarcía TM da zona de descenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Os de Antonio Castro venceron 4-2 o Visit Pontevedra na mesma xornada na que o Cambados T.M. caía 2-4 co C.E.R. L'Escala

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiveron que transcorrer catro xornadas para que o Vilagarcía T.M., o equipo revelación na súa estrea a tempada pasada na Superdivisión, conseguise sumar os seus primeiros puntos na Liga 2018/19. Fíxoo cun triunfo sobre o recén ascendido Visit Pontevedra (Monteporreiro), nun partido de moi alto valor para o conxunto arousán dada a súa situación, compartindo espazo na zona de descenso co seu veciño Cambados T.M.

A presenza no trío vilagarcián do checo Michal Obeslo resultou decisiva. Del foron dous dos puntos do 4-2 co que o seu equipo superaba o Monteporreiro. Vencendo 3-1 a Horacio Cifuentes no duelo de apertura do choque disputado o pasado venres no pavillón da rúa Castelao, e devolvéndolle a vantaxe, no quinto emparellamento cun 3-0 fronte a Nicolás Daniel Galvano. Antes, Sergei Nigeruk superara 3-1 a Ignacio Fernández, sucedéndose despois as derrotas de Reinier Cabezas, 1-3 a mans de Galvano, e de Nigeruk, 1-3 con Cifuentes coma verdugo. Cabezas selou o triunfo arousán cun 3-0 a costa de Ignacio Fernández, situando o Vilagarcía antepenúltimo na clasificación con 2 puntos.

Pechando a táboa quedan agora o San Sebastián de los Reyes e un Cambados T.M. pechacancelas, cun punto. Este último, logo de sumar tan só os dous puntos de Qiu Liang ante o C.E.R. L’Escala, remontando un 1-2 para superar 2-3 o ruso Kirill Shvets, e reestablecendo a igualada cun 3-1 a costa dun Sergi Grau que sumaba o primeiro punto do cadro catalán cun 1-3 ante Fernando Padín antes de que Diogo dos Santos vencera 2-3 a Stefan Shaposhnikov. A derrota deste último ante o seu compatriota Shvets 1-3 deixaba o empate en mans de Padín, pero o cambadés caeu 2-3 con Dos Santos.