Achados

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CAMBADOS

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Éhabitual que na urbanización dun espazo urbano antigo, ao escavar aparezan restos de estruturas doutras épocas -fontes ou murallas- e que trala toma de datos dos restos achados e a súa análise, patrimonio ordene cubrilos e volver a deixalos ocultos. Non son o único que non comprende este protocolo de actuación, porque considero que atopar un anaco da nosa historia é como localizar un tesouro, herdanza que quedará tecnicamente documentada pero que acabará nos arquivos das administracións públicas, e alí morrerá. Coa excepción de que a súa situación atranque a normal actividade do lugar, deberíase manter aberto, previa consolidación e restauración -se cabe- para coñecemento da cidadanía, tamén dos forasteiros. Na miña opinión.

A maior parte dos moradores dunha localidade nunca visitaron o museo no que están os achados da súa cidade ou vila, polo que ignoran esa parte da historia, os que o fixeron nunca van poder contextualizar ese legado coa precisión na que se pode aprender se está no lugar de sempre; a extrapolación dos achados produce un gran despiste espacial. Mantelo no lugar de sempre incluso permite o cambio de impresións entre os propios veciños, fortalecer o orgullo e manter viva a memoria.

O mantemento do ben no lugar de orixe, correctamente restaurado e posto en valor, supón unha fortaleza e un atractivo turístico máis da cidade, porque permite dar a coñecer modos de vida dos devanceiros do lugar sen necesidade de ir a un museo.

Exemplo positivo foi a fonte de San Clemente de Compostela, en Cambados soterrárona.