
















Vilariño (Cambados) acolle hoxe unha romaría como as de toda a vida, con música, comida, gando e unha multitude
29 may 2022 . Actualizado a las 16:46 h.Vese que as penurias da pandemia deixaron moitas gañas de troula. As festas populares están espertando á normalidade entre multitudes e un bo exemplo de elo viuse estase a ver este domingo en Vilariño (Cambados) a conta da Festa do Labrego. Á beira do río Umia houbo unha romaría como as de antes, con gaitas, charanga, polbo, churrasco, rosquillas, atraccións para os pequenos e neste caso, ademais, foi un escaparate da tradición agraria galega. Ese é propósito desta cita anual, e con ese afán acudiu un ano máis a Vilariño Sito Oliveira co seu carro de bois. É a súa unha reliquia andante que pasea por toda canta festa pode e coa que, e iso é o máis insólito, aínda segue a traballar a súa leira situada en Coruxo.
«Fágoo porque me gusta, por nostalxia», apunta Sito, que herdou as mañas e o amor polo campo do seu avó primeiro e do seu pai despois. Dá por feito que nin o seu fillo nin ningún dos mozos da familia vai recoller o seu legado, pero isto non o bota para atrás. Ao contrario. Logo de morrerlle hai uns meses un dos seus espectaculares bois, viaxou a Portugal a mercar unha nova parella —porque para tirar do carro os animais teñen que ter unha envergadura similar— e fíxose con Cubano e Avispado, dous exemplares noviños, de dous anos, que aínda están aprendendo a manexarse co xugo. Cústalles acostumarse así que estiveron enganchados o xusto para participar no desfile da festa. Eran os únicos bois, pero non o único gando que pisou o asfalto. Abundaban as monturas a cabalo e houbo tamén ovellas, coellos e galiñas que enchían unha granxa motorizada tirada por un tractor. Media ducia de vehículos agrarios secundaron a convocatoria, a cada cal máis orixinal. Nun recreábase unha adega, noutro a matanza do porco e noutro un furancho con televisor incluído. Toda unha demostración de imaxinación e enxeño que espertou o interese dos centos de persoas que acudiron ao mediodía ao campo da festa, entre eles o alcalde e concelleiros da oposición.
Había outros alicientes para achegarse a Vilariño; á unha da tarde xa se formaba cola diante do mostrador no que se serviron, gratis, os chourizos con pan de millo e viño tinto, e no bar de campaña non daban feito para servir copas na sesión vermú. A festa continúa pola tarde con xogos e máis música e rematará, como non, con verbena.