As familias do asilo de Cambados

Xurxo Charlín CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

O máis triste é que detrás da venda do inmoble do pazo de Montesacro hai 77 persoas que van quedar sen residencia

10 nov 2023 . Actualizado a las 17:17 h.

Nestes días chegou ao Parlamento de Galicia o debate sobre a venda do Pazo de Montesacro por parte da Irmandade dos Anciáns Desamparados, o que vai supoñer o peche do asilo de Cambados e que 77 persoas maiores van ter que ir a unha residencia fóra de Cambados e que o noso Concello quede sen hospicio.

Segundo manifestou a conselleira de Política Social no Pazo do Horreo, a Xunta de Galicia non está para comprar ningún pazo, e sería un error que Cambados o mercara como xa fixo o Concello de Rianxo co Pazo de Rianxiño para abrir un centro de día por 1,6 millón de euros, hipotecando aos veciños durante anos. Pero o que máis chama a atención é na insistencia nas dúas replicas do Partido Popular, en que Cambados non merece ter unha residencia pública nin o apoio da Xunta porque non solicitou a axuda do Consorcio de Igualdade e Benestar para a construción de residencias ou para abrir un Centro de Día, cando Cambados leva 8 anos cun centro de día aberto. Axudas nas que o prazo para solicitalas rematou en abril do ano pasado, moito antes de saberse que ía venderse o asilo, xa que se tratan de Fondos Next Generation. Parece que neste país se non chegan cartos de Europa ou da Fundación dun acaudalado filántropo non se vai a abrir ningunha residencia pública...

Pero o máis triste de todo isto é que detrás da venda do inmoble do pazo de Montesacro hai 77 persoas que van quedar sen residencia, 77 familias que a día de hoxe non teñen claro que é o que vai pasar cos seus maiores, e cos que ningunha administración se puxo en contacto con eles.

Porque o corazón e os ollos nunca son vellos.