A música galega e portuguesa estreitan lazos nun concerto o día 24 en Cambados

M. Santamaría-Serantes, B.C. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Acto de presentación do intercambio celebrado onte en Cambados
Acto de presentación do intercambio celebrado onte en Cambados MONICA IRAGO

A Banda de Castrelo recibirá a vindeira semana a 22 rapaces da Banda de Santana nun intercambio que quere ser máis cunha experiencia musical

13 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano pasado, a Banda de Música de Castrelo foi recibida en Portugal como parte da familia da Banda de Santana. Este ano, Cambados será o que acolla ao músicos do país veciño, nunha semana na que se producirán non só intercambios musicais, senón tamén culturais, gastronómicos e sociais entre dous colectivos separados polo río Miño.

Dende o luns 19 ata o sábado 24, uniranse por parte de cada agrupación vinte e dous rapaces de menos de dezaoito anos, os cales vivirán uns días repletos de citas. Pola mañá realizarán ensaios dirixidos polos directores de ambas dúas bandas: Nicolás Portas Ricoy, por parte do conxunto de Castrelo, e Francisco M. Relva Pereira, do de Santana. A comida organizarase nun local da igrexa de Castrelo, onde un músico da propia banda, Benjamín, será o encargado de preparar os pratos.

Excursións

Pola tarde, dependendo do tempo, realizarán excursións. «Cando fomos á súa zona eles ensináronnos todo o que puideron», explica Modesta Padín, a cal forma parte da directiva da banda cambadesa. A previsión é desprazarse ata lugares como a Lanzada ou O Sarrido e á ruta da Pedra e da Auga. Todo este intercambio culminará o sábado 24 ás doce da mañá, cando os corenta mozos e mozas darán o concerto final no parque de Torrado.

José Padín, presidente da banda, confesa que non sabe se repetirá para o ano a actividade, pero está seguro de que a relación coa Banda de Santana non se vai a perder. A unión do grupo de Castrelo e o portugués remontase aos anos noventa, cando os portugueses visitaron a vila do albariño por primeira vez.

Despois da semana que os rapaces da Banda de Castrelo pasaron a finais de agosto do ano pasado alá, xa se crearon moitas relacións de amizade entre os mais novos, conseguindo que estes se moveran pola súa conta á hora de visitar aos amigos portugueses. «Para min, Francisco é como un irmán ou un primo, como da familia», explicaba José Padín cando se lle preguntaba polos inicios da idea. Este comentaba que o proxecto se lle ocorrera a Francisco Relva, director da banda de Figueira da Foz, en Portugal.

Pola súa parte, Liso González, concelleiro de Cultura, Ensino e Patrimonio de Cambados sinalou que este é un proxecto de intercambio que vai mais aló de vir tocar un día para ofrecer un concerto, se non que ten unha parte formativa e educativa moi importante.