O CB Arousa de Vilagarcía será un dos 32 clubs participantes na cita desta vindeira fin de semana
27 nov 2024 . Actualizado a las 19:24 h.O pavillón do colexio San Tomé será esta fin de semana o escenario do Campionato Galego Promesas de Boxeo. Organizado pola Federación Galega de Boxeo e polo Concello de Cambados, a cita contará con doce horas de deporte dentro do cuadrilátero que se instalará no centro escolar, con combates de 12 a 14 e de 17 a 21 horas.
A concelleira de Deportes da vila do albariño, Noelia Gómez, presentou onte a cita deportiva. Nela, informou, participarán 140 deportistas de 32 clubs das catro provincias galegas. Boxeadores de calquera franxa de idade que comparten a súa condición de novizos na modalidade de combate, previo paso polo chanzo elemental do deporte das luvas, a práctica das formas, que o ano pasado celebraba o seu Campionato Galego en Cambados. De aí que Noelia Gómez agradecese durante a presentación da cita desta semana a confianza posta pola Federación Galega de Boxeo na Administración local da localidade arousá e, en particular, na Concellería de Deportes que dirixe.
Entre os clubs participantes haberá dous do Salnés. O Club Boxeo Arousa, dirixido en Vilagarcía por Jonnhy Hermida, e a sección meañesa do Parabellum Fight Club de Poio. Como o resto dos competidores, pensando en acceder ás finais, concentradas o domingo.