Cambados abrirá en febreiro un novo centro de capacitación dixital en Vilariño

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Xa están organizados doce cursos de informática gratuítos para 120 alumnos

08 ene 2025 . Actualizado a las 15:44 h.

Cambados contará a partir de febreiro cun novo centro de capacitación dixital na casa de cultura de Vilariño para por en marcha cursos de informática gratuítos. Sumarase ao aberto o pasado ano no centro cultural Gumersindo Márquez de Oubiña grazas á subvención outorgada por valor de 24.500 euros no marco dos fondos Next Generation EU.

Do 17 de febreiro e ata o 18 de novembro realizaranse formacións en tres edicións diferentes cun total de doce cursos para grupos reducidos de dez persoas. O obxectivo é fomentar a capacitación dixital dos veciños en risco de exclusión dixital co fin de conseguir un manexo fácil dos dispositivos electrónicos e das redes sociais, tanto para o seu uso cotián como para o seu aproveitamento laboral. segundo explica o concelleiro de Cultura e Ensino, Liso González. Os públicos obxectivos de ditos cursos serán persoas desempregadas maiores de 45 anos, mulleres maiores de 55 anos e xubilados.

Durante cada curso, que será intensivo e cunha duración formativa de 35 horas, ofreceranse diferentes opcións horarias: 10 a 11.30 ou de 11.30 a 13 horas os luns, mércores e venres; de 10 a 12 horas os martes e xoves, e de 19 a 21 horas os luns e mércores. Pódese elixir entre a primeira edición do curso, de febreiro a abril; a segunda, de maio a xuño, ou a terceira, de setembro a novembro. Hai 120 prazas dispoñibles.

O prazo de inscrición vai do 13 de xaneiro ao 7 de febreiro e será preciso aportar copia do DNI e, de ser o caso, documento que acredite estar na busca de emprego. As persoas interesadas poderán achegarse á biblioteca Luís Rei para obter máis información, ou a través da conta de correo electrónica inscricions@cambados.es, sendo preciso indicar no mesmo un teléfono de contacto.