Augas de Galicia actúa para eliminar dous puntos contaminantes en Cambados mentres o río Umia segue recibindo vertidos
CAMBADOS
O cauce seguía o mércores ao mediodía tinguido con residuos e cun olor nauseabundo. O PSOE de Ribadumia pide ao Concello que tome medidas ante a Xunta para corrixir esta situación
06 feb 2025 . Actualizado a las 15:21 h.A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dou conta este mércores dunha boa noticia desde o punto de vista do saneamento da ría de Arousa. «Augas de Galicia contribuíu a eliminar recentemente dous puntos de vertido de augas residuais no concello de Cambados. O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) iniciou as actuacións no marco da campaña de inspeccións á rede fluvial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa», informan a fontes oficiais.
Os vertidos corresponden a residuos procedentes de dúas vivendas situadas na desembocadura do río da Ucha en Corvillón que se eliminaron grazas á instalación dunha nova infraestrutura de saneamento municipal no lugar Aldea río da Ucha, á que se conectaron as dúas vivendas implicadas. Pero sempre hai unha de cal para outra de area.
Mentres Augas de Galicia saca peito por esta actuación, o río Umia segue recibindo un vertido na zona do Piorno (Oubiña) que desprende un cheiro nauseabundo. Neste lugar investíronse un millón de euros o pasado ano co fin de ampliar a capacidade da estación de bombeo, pero vese que non foi suficiente e uns meses despois os vertidos continúan sen que ninguén tome medidas para atallalos.
O PSdG-PSOE de Ribadumia referiuse este xoves á situación que se dá no Umia. «Resulta inaceptable que, tras unha obra de tal magnitude que xa quedou demostrado que non servía para aliviar os verquidos ao río, o alcalde non estea a reclamar responsabilidades á Xunta de Galicia» sinala o portavoz, Javier Mougán.
A esta crítica suma outra relacionada tamén coa política municipal en materia medioambiental que afecta ao punto limpo. «Non hai xustificación para que, a pesar de ter concluído as obras, o punto limpo permaneza pechado, e que se empreguen instalacións non habilitadas para a almacenaxe de residuos, situación que agrava os riscos de acumulación incontrolada de lixo»,
«Ambas situacións reflicten a mala xestión ambiental e a falta de planificación e compromiso do goberno de David Castro, e poñen en risco o medio ambiente e a calidade de vida no noso municipio», engade o PSOE, que insta ao goberno local a tomar medidas correctivas inmediatas.