O PP de Cambados pide a dimisión de Samuel Lago e un novo pleno de investidura

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

«A actual situación é absolutamente insostible e, posiblemente, irreversible», indica o grupo da oposición. O alcalde ínstaos a que presenten unha moción de censura

01 mar 2025 . Actualizado a las 16:46 h.

O grupo municipal do Partido Popular de Cambados pide a dimisión do alcalde, Samuel Lago (PSOE), que cese ao seu goberno e se convoque outro pleno de investidura. Os populares fan esta proposto logo de «valorar o estado do Concello tras a enésima crise interna do cuadripartito», indican, «porque a actual situación é absolutamente insostible e, posiblemente, irreversible».

«Tras vinte meses de mandato, a valoración da xestión municipal e da atención aos veciños só se pode tildar de nefasta e, o peor de todo, cunha tendencia regresiva que apunta a que os algo máis de dous anos que restan ata as eleccións municipais seguirán cun franco deterioro no que se supón que ten que ser a labor dun executivo municipal e dun Concello», indica a formación que lidera Sabela Fole vía comunicado.

A oposición fala de «guerra civil interna» no goberno de coalición e alude ao o ocorrido o pasado xoves, cando o BNG nin sequera asistiu a pleno no que se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 912.000 euros. Sobre esta ausencia, nin o BNG nin o alcalde quixeron facer valoracións.  «As decisións por libre que toma a diario José Ramón Abal son as pingueiras que desbordaron o vaso do cuadripartito, que xa non dá para absolutamente nada demais de proveito para os cambadeses», indica o PP.

«O único honesto e responsable que lle poden ofrecer aos veciños, que están totalmente abandonados e sufrindo unha situación lamentable, é escoller a un novo goberno, porque este está totalmente morto máis alá de lavados de cara e peches de crise en falso».

O alcalde de Cambados xa respostou ao comunicado do PP nos seguintes termos: «En política non se renovan votos matrimoniais e se cre que pode conseguir os apoios suficientes, que presente unha moción de censura que é un mecanismo que si se utiliza en política e na cal o PP ten moita experiencia por toda Galicia».