«SAVER», unha nova proposta en Torrado entre a expresión artística e a semiótica

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

A exposición xa foi visitada este martes por un grupo de estudantes
A exposición xa foi visitada este martes por un grupo de estudantes MARTINA MISER

A exposición, que asina Lois Gil Magariños, inaugúrase este xoves en Cambados

08 abr 2025 . Actualizado a las 15:06 h.

O EsPazo Torrado (Cambados) ofrece a partir deste xoves día 10 unha proposta artística que sae dos canons habituais. Baixo o título SAVER, Lois Gil Magariños (Pontecesures, 1964) preparou unha exposición na que invita a «saber ver». Así o recolle Jose Vaamonde na presentación que prepararou para esta mostra «Con SAVER, título que a priori podería facer sangrar os ollos, preséntanos unha proposta expositiva variada, provocadora, singular, profunda e divertida. Bruno Zevi, no seu manual de arquitectura (Saber ver a arquitectura) ou John Berger (Modos de ver; Mirar), traballan en torno a este concepto con referencia a todo tipo de arte: Saber ver. Lois G. Magariños sintetiza e une os conceptos nunha palabra inventada, unha neo-palabra que provoca, insinúa e esconde a base conceptual do proceso creativo».

«A primeira impresión que nos suxiren as pezas, ben sexan os poemas obxecto, os collages dixitais ou os vídeos das accións poéticas, é a de algo divertido e perspicaz, baixo un nariz vermello e redondo de clown. Pero unha segunda lectura mostra a profundidade desta serie de reflexións sobre os problemas da sociedade actual, cos seus dogmas publicitarios e as súas iconas culturais inamovíbeis. Xa sexa unha acción poético-artística, un collage, ou un xogo de palabras, Gil Magariños crea dobres sentidos mediante procesos metamórficos ou a partir de palabras e imaxes homónimas ou polisémicas... e isto resulta para o ollo atento algo atractivo e intelixente, irónico e cómico, mordaz e agudo. Unha lectura humorística que á vez esconde unha reflexión máis profunda. Un surrealismo vándalo. A caída dos ídolos dourados ou a re-lectura dos tótems culturais, cos matices propios doutra época, fai que estes adquiran un novo significando, unha nova vida. E é que a arte serve tamén para isto. Para remover e revisar os cimentos do pensamento establecido, asentado na nosa cultura, no noso coñecemento e no noso inconsciente colectivo», engade Vaamonde no texto que acompaña á exposición que se inaugura este xoves ás 20 horas en Torrado a poderá visitarse ata o 1 de xuño.

Lois Gil Magariños foi profesor de Filosofía en institutos de Cambados, Caldas de Reis e Padrón. Desde 1997 participa en numerosas exposicións internacionais baixo o nome de Corporación Semiótica Galega (COSEGA) e cuttiva a arte desde a poesía, as artes plásticas e a música. Ten auto-editado de forma artesanal varios cadernos de poesía visual e discursiva que distribuíu a través da rede de arte-postal. Actualmente forma parte do grupo de acción poético-musical Ad Hoc.