En caso de non poder celebrarse no parque Miguel Hernández levarase á praza da Peixería
30 abr 2025 . Actualizado a las 15:18 h.Vilagarcía será o único concello da comarca en celebrar este xoves a tradición dos maios unha vez que o de Cambados optou por suspender as actividades aducindo as malas previsións meteorolóxicas e o escaso nivel de participación por parte dos colexios e asociacións, segundo informou o concelleiro de Cultura, Liso González.
Pola contra, en Vilagarcía hai corenta composicións florais dispostas para competir na exposición prevista a partir das 11.30 horas no Parque Miguel Hernández e, en caso de chuvia, na Praza da Peixería. Todos os inscritos recibirán como agasallo unha rosca, mentres que os galardóns en metálico dependerán do número de participantes e de se inclúen ou non unha pequena cantiga.
No concurso anotáronse persoas a título individual (6), colectivos (1) e colexios (2) e ANPAS (5) nas modalidades de maio cónico, artístico, cruz de maio, caixa e barco. Co obxectivo de ser fieis ás orixes da celebración e para manter os criterios de sustentabilidade, o Concello recomendou a utilización de materiais naturais e tradicionais na confección dos maios e que se evitase o uso de elementos plásticos ou metálicos. Aqueles que presenten unha letriña terán que interpretala sobre o escenario que se montará para a festa. As creacións deberán permanecer expostas todo o día, ata as 20.30 horas. O Concello retirará as dos grupos que así o solicitaron na ficha de inscrición unha vez remate o acto. Os demais deberán facelo polos seus propios medios.