DEI V, Brytiago e Yan Block porán o ritmo urbano no Albariño na súa única actuación en Galicia

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

CEDIDA

Actuarán o 1 de agosto e as entradas poranse á venda este venres a 30 euros nunha primeira tanda

28 may 2025 . Actualizado a las 11:48 h.

O venres 1 de agosto actuará na praza de Fefiñáns en Cambados DEI V, Brytiago e Yan Block na que será a súa única actuación en Galicia. As entradas poranse á venda este venres 30 de maio ás 17 horas, cunha primeira cota promocional de 500 entradas a 30 euros (prezo final con gastos incluídos), 300 estarán dispoñibles de forma física na oficina de turismo de Cambados e 200 poderán adquirirse online en www.entradas.com. Unha vez esgotado este primeiro tramo, o prezo pasará a ser de 45 euros máis gastos de xestión.

Desde Porto Rico, DEI V emerxeu como unha das voces máis prometedoras do xénero urbano. A súa participación no tema VeLDÁ xunto a Bad Bunny e Omar Courtz, incluído no álbum DeBÍ TiRAR MáS FOToS foi un dos fitos recentes na súa carreira. Ademais, colaborou con artistas como Karol G, Myke Towers, Anuel AA, Ozuna e Ñengo Flow, e lanzou o seu propio disco titulado Quién es Dei V.

Brytiago, un dos impulsores do reggaetón de nova xeración, encheu estadios en América Latina e colaborado con pesos pesados como Daddy Yankee, Anuel, Ozuna ou Myke Towers. Temas como Asesina, Netflixxx ou Me ama me odia acumulan centos de millóns de reproducións e definen un estilo que combina o íntimo e o explosivo con mestría.

Completa o cartel Yan Block, artista portorriqueño que irrompeu con forza na escena urbana grazas a temas como Media Hora, 3 Doritos ou Juguete. Cun estilo persoal que el mesmo define como Trap-Hall, mestura influencias do trap, o dancehall e o reggaetón máis rueiro. Colaborou con nomes como Jay Wheeler, Omar Courtz ou Saiko e destaca pola súa enerxía en directo e unha proposta que conecta co público novo sen necesidade de artificios. A súa traxectoria sitúao como unha das voces máis prometedoras do urbano latino actual.

«Con este concerto, a Festa do Albariño reforza a súa aposta por abrirse a novos públicos e formatos, e posiciónase como un evento capaz de mesturar tradición e actualidade sen complexos. Unha noite para cantar, bailar e celebrar», segundo informan desde a concellería de Fstexos que dirixe Tino Cordal.

Co anuncio feito este mércores só falta por coñecer a actuación do sábado do cartel do Albariño. Entre tanto, xa se fixo público que Panorama estará o martes 29 de xullo en Fefiñáns e o grupo Treixadura, o xoves. En ambos casos con entrada gratuíta.