Eccom, unha ponte con peaxe

Paula Alfonso, arquitecta CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os concellos terán que analizar moi ben se delegar parte destas funcións públicas en empresas privadas externas realmente lles interesa e lles beneficia, a eles e aos cidadáns

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As dificultades para acceder á vivenda son moitas e moi diversas. Unha de elas pode estar no trámite necesario para conseguir a licenza que permita a construción ou rehabilitación. Moitos concellos teñen colapsados os departamentos de urbanismo e isto tradúcese en moitos meses, as veces incluso anos, de retraso para acadar estas licenzas. Dende fai pouco existe unha alternativa aprobada coa intención de axilizar este trámite, as Eccom, pero hai moitísimos matices que analizar na súa aplicación. En primeiro lugar, as autorizacións sectoriais (Patrimonio, Augas de Galicia, Estradas,...) segue sendo un trámite previo ineludible. Aí ás veces xa se nos van varios meses. Unha vez acadadas as sectoriais, pasamos á tramitación municipal, onde as Eccom si que substitúen ós técnicos municipais, pero tampouco sempre, hai excepcións.

A única maneira de que as Eccom sexan unha alternativa nos concellos que non conseguen levantar e poñer a funcionar o departamento de urbanismo é conseguir puentear totalmente este departamento. Se tes que entrar aí solicitando un informe urbanístico previo, unha excepcionalidade para o hábitat, un informe de interpretación dalgún punto da normativa que non estea claro ... volves ó posto de saída. Pero todos sabemos que a interpretación de certos parámetros das leis é discrecional. É dicir, o que nun concello se entende como «obras de conservación e mantemento» noutro pode ser considerado «obras de renovación ou mellora». O xeito de medir certos parámetros urbanísticos non sempre é igual en todos. Que pasa con aqueles puntos nalgunhas normativas municipais obsoletas que entran en contradición absoluta con normativas de posterior aprobación? Realmente é altísima a porcentaxe de proxectos que precisan de interpretación subxectiva dalgún parámetro. O certo é que nestes casos as Eccom vense obrigadas a entenderse cos técnicos municipais, ver cal era o criterio que se viña aplicando e ir tecendo unha rede de circunstancias concretas sobre a que levantar argumentos sólidos para dar respostas xenéricas, e iso leva tempo. Ata que eses camiños sexan trazados varias veces, a problemática fai que non sexa todo o áxil que se espera.

A min como profesional non me aporta outra vantaxe que a de ser quen de axudar ós meus clientes a acadar a licenza. Cando me preguntan prazos eu sempre respondo o mesmo: «Eu non vou ser a que che impida avanzar». Podo garantir prazos do meu traballo, pero non burocráticos, non podo nin garantilos nin entendelos ou xustificalos moitas veces. Eu traballo principalmente no Salnés, hai concellos nos que en absoluto vexo necesario recorrer as Eccom, hai outros nos que é a única maneira de avanzar, e aínda así non hai garantías. O ideal sería non ter que recorrer a elas como único camiño, pero cando a alternativa son meses ou anos de desidia burocrática, de trabas moitas veces non fundamentadas, de inoperatividade... pois benvida sexa esta opción, por suposto. Para quen poida asumir o custe, porque imos falar agora do tema económico. Acadar unha licenza a través dunha Eccom supón un sobrecuste ao contribuínte, que, ademais de pagar ó arquitecto ou arquitecta para que elabore o proxecto, pagar no Concello as taxas administrativas e o ICIO agora suma unha porcentaxe para pagar a Eccom. Moitas veces compensa. No montante total dunha obra, pagar 1.000 ou 2.000 euros e conseguir recortar o prazo 1 ou 2 anos é rendible, incluso en termos económicos. Só pensando na evolución do prezo da construción, canto soben os materiais e a man de obra nese prazo? Pero o certo é que é inxusto gravar dúas veces ó administrado, así que a evolución lóxica sería actualizar as ordenanzas municipais para instaurar unha taxa administrativa para estes casos, que en calquera caso debería de ser moito menor que a estipulada para un proxecto de tramitación municipal, que en Cambados por exemplo está no 1 %. Pero cabe preguntarse se iso lles interesa aos concellos, por que, ao final, a edificación segue sendo un motor de recadación económica. Un Concello pequeno, no que se edifique por valor de 4 millóns de euros nun ano, recada 40.000 euros en taxas administrativas, cantidade que se dobra a costa do contribuínte para incluír o pago das Eccom. Se a lóxica pasa por minimizar as taxas administrativas destes trámites, pois o concello deixaría de recadar por este concepto. E isto tamén nos leva a falar de igualdade de oportunidades; non todos os contribuíntes están en condicións de poder asumir esta dobre taxa, o que se traduce en que aqueles con maior poder adquisitivo, unha vez mais, optan a privilexios, neste caso en forma de beneficio en prazos.

Outra das cousas que hai que ter en conta é se a un concello lle interesa perder o control sobre o urbanismo. Non teño dúbidas da validez das licenzas acadadas a través dunha Eccom, pero, en certo modo, deixan de consultar ó departamento que mais debería de mirar polo urbanismo do teu entorno, e iso non parece ser o mais recomendable. Terán que analizar moi ben se delegar parte destas funcións públicas en empresas privadas externas realmente lles interesa e lles beneficia, a eles e aos cidadáns.