
O sábado haberá un obradoiro e actuacións musicais ata medianoite e o domingo, sambódromo e un concerto en Torrado
26 jun 2025 . Actualizado a las 15:18 h.A batucada segue deixándose oír en Cambados. Non só porque conta coa escola de Olodum do Coio e porque leva cinco anos acollendo o Festival Xacobeo Percute. Este ano redóbrase a aposta cun novo aliciente: un concerto sinfónico de batucada que terá lugar este domingo ás 12 horas no parque de Torrado. Actuarán a orquestra Ciudad de Orihuela e un grupo de saxofóns e a entrada e libre é de balde..
Porase así o broche a unha fin de semana na que os tambores retumbarán polas rúas de Cambados ao amparo de dous festivais que comparten dirección artística e musical a cargo do catedrático de Percusión, Jorge César Pérez Mestre. En Cambados daranse cita grupos chegados de Galicia, Madrid e Alicante.
Programa
O programa comezará o sábado pola tarde cun obradoiro sobre batucada con aforo para 110 persoas e impartido por Antonio Monedero e continuará a partir das sete e ata pasada a medianoite con espectáculos de son polas rúas. O domingo a partir das 10 horas o centro urbano converterase nunha especie de sambódromo que vibrará con ritmos africanos americanos e o percute galego. Os organizadores presentaron onte os festivais como un fito no ámbito da batucada «a nivel mundial». O concelleiro de Cultura, Liso González, foi un pouco máis comedido e presumiu de que Cambados será por dous días a «capital» galega da batucada. No acto tamén estivo o deputado de Cultura, Jorge Cubela, para dar conta do apoio da Deputación de Pontevedra a esta iniciativa.