Cambados e A Illa desvelan os seus programas de actividades para o mes contra a violencia machista

x. lamas CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Coloquios sobre feminismo e obradoiros de prevención da violencia machista coparán a axenda da comarca durante as próximas semanas

07 nov 2025 . Actualizado a las 21:31 h.

Ben entrado xa novembro, o mes da loita contra a violencia machista, varios dos concellos da comarca comezan a dar a coñecer as actividades que teñen preparadas para estas datas. Cambados foi un deles: Samuel Lago acompañou onte a membros da asociación Esmar na presentación do programa que este ano organizan en común.

Comezarán hoxe ás oito da tarde coa presentación do libro Alzando a voz, de Marta Rial, en Exposalnés, unha novela que parte dunha experiencia real coa violencia de xénero. A finais de mes presentarán o libro noutros municipios: Ribadumia e Vilagarcía.

Tamén en Exposalnés, o día 14, celebrarán un coloquio no que intervirán, entre outros, Ana María Cabaleiro, avogada do Centro de Información da Muller (CIM) de Mos, membros do dispositivo Viogén da Policía Nacional e a anterior alcaldesa do municipio e máster en violencia de xénero, Fátima Abal.

O domingo 23, no auditorio de Cambados terá lugar o preestreno do documental Vivas, gravado pola propia Esmar, no que entrevistan a mulleres da vila. Finalmente, o 30 de novembro a asociación celebrará a súa gala anual no auditorio de Ribadumia, unha velada especial na que Esmar celebrará os seus 10 anos de traxectoria. Unha efeméride na que o Concello quixo ter un detalle coa asociación, á que cederá un novo local na antiga escola unitaria de Vilariño, no que poderán comezar a operar dentro dunhas semanas.

Prevención nas escolas

O pasado mércores a Mancomunidade do Salnés aproveitou a presentación do novo local do CIM para adiantar varias das actividades que desenvolverá nos cinco municipio aos que dá servizo o centro. O vindeiro luns a maxistrada Belén Rubido impartirá en Exposalnés unha charla sobre a violencia vicaria, ás seis e media da tarde.

A Illa tamén prepara actividades para as vindeiras semanas. No Torre-Illa desenvolveranse varios talleres con temática feminista pensados para os diferentes ciclos de primaria. Tamén os alumnos do instituto participarán nun obradoiro sobre a prevención da violencia de xénero.

O groso da programación concentrarase na semana do 25N, na que O Regueiro iluminarase de morado contra a violencia machista. O propio día, o Concello fará a lectura do manifesto. O 27 proxectarase o documental Todas as mulleres que coñezo no auditorio e o 30 celebrarase unha xincana familiar contra o machismo, tamén no auditorio.