O prendido farase o venres 28 e as uvas comeranse na praza do Concello
22 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Nadal sempre trae sorpresas. A suspensión do obradoiro de emprego de carpintaría, que en anos pasados o Concello aproveitara para construír o mobiliario e ornamentos da aldea de Nadal, parecía empurrar a que este ano as festas fosen un pouco menos lustrosas en Cambados. Pero finalmente, coma nesas películas de Nadal que tomarán a oferta televisiva nas vindeiras semanas, todo saíu ben. O concelleiro de Festas, Tino Cordal, confirmou que haberá aldea no entorno do pazo de Torrado, onde tamén instalarán atraccións e inchables para gozo dos máis pequenos. A entrañable iniciativa será inaugurada o día 5 de decembro. Pero antes diso, o evento que verdadeiramente arrinca a temporada de Nadal. O prendido da iluminación farase o día 28, o vindeiro venres, ás oito da tarde, diante do Concello e non faltarán a música nin o chocolate con rosca para os asistentes.
A concellería de Festas tirou de contactos e Cambados contará tamén coa asistencia de Papá Noel, os Reis Magos e o Apalpador. O primeiro, visitará as parroquias do municipio o 24 de decembro pola mañá e pola tarde percorrerá o centro da vila, ata as seis, hora na que será recibido na casa consistorial polas autoridades locais. Similar itinerario protagonizarán o 5 de xaneiro do 2026 as súas maxestades, que tamén farán acto de presenza nas parroquias. A cabalgata partirá de Santo Tomé e acabará en Fefiñáns cara as seis da tarde.
O Apalpador abandonará as montañas do Courel para achegarse ás Rías Baixas o 31 de decembro pola tarde. Mesma data na que se comerán as uvas ao mediodía na praza do Concello — en caso de que o tempo acompañe; do contrario, farase no salón Peña— e correrase a San Silvestre, que, de momento, aínda non admite inscricións.
O resto das actividades están pensadas para facer gozar ao pobo destas datas, pensando en tódalas idades. Para a cativada proxectaranse filmes no Auditorio da Xuventude, coma Superklaus ou Chicken Run, os días 28 de decembro e 4 de xaneiro, respectivamente. Un ton máis solemne e menos festivo terá o estreo o 20 de decembro do documental San Simón, que narra os anos nos que esta illa da ría de Vigo foi convertida nun campo de detención e exterminio polo réxime franquista. Entre o seu elenco, conformado na súa maioría por actores da comarca do Salnés, destaca un cambadés, Flako Estévez, que dá vida ao protagonista da peza. El e o director, Miguel Ángel Delgado, estarán en persoa no Auditorio da Xuventude presentando a película e encabezando un coloquio no que falarán sobre os procesos de documentación e a rodaxe.
A terceira idade non terá que pasar sen os clásicos bailes no salón Peña as tardes do día de Nadal e de Aninovo e a música tampouco faltará na programación coas actuacións da coruñesa orquestra Gaos, a banda de música de Castrelo ou a banda municipal.