Funcionará durante as mañás, de nove a 13 horas; o goberno local xustifica a decisión na elevada demanda das familias
14 dic 2024 . Actualizado a las 21:19 h.O Concello de Catoira vai manter operativo durante as vacacións de Nadal o programa Madruga. O alcalde Xoán Castaño (BNG) así o anunciou, xustificando a medida na «grande demanda detectada e co fin de que as familias poidan conciliar durante as festas». O servizo, desta volta, estará a disposición tanto das persoas que fan uso habitual durante o curso como daquelas que só o precisen de maneira puntual nas próximas vacacións.
Deste xeito, a rapazada disporá de atención persoal e gozará de xogos e actividades os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e o 2, 3 e 7 de xaneiro, en horario de nove da mañá a unha da tarde, nas instalacións do CPI Progreso. O plan Madruga, di o Concello, «está a ter unha grande acollida xa durante o inicio do curso, con 44 rapazas e rapaces usuarios inscritos». A cifra supera con moito as expectativas. No caso destas vindeiras festas de Nadal, o goberno local formulou a posibilidade de manter o Madruga sempre e cando houbera un mínimo de 10 nenas e nenos usuarios. A día de hoxe xa son 18 os nomes na lista.