Esta iniciativa ofrece unha plataforma para adaptarse aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías
22 abr 2025 . Actualizado a las 15:55 h.A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a nova plataforma Move.gal, unha iniciativa pioneira que busca visibilizar e modernizar o pequeno comercio local de 19 concellos da provincia entre os que se inclúen Meis, A Illa de Arousa e Catoira, para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías.
O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia e enmarcada nos proxectos «Da túa man» (rural I e rural II), financiados con fondos NextGenerationEU, é dar visibilidade aos comercios e establecementos hostaleiros locais e aos produtos de quilómetro 0, especialmente no rural, así como promover a economía de proximidade a través dunha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio. Para adherirse a Move.gal só hai que cubrir un formulario de solicitude en liña.
A plataforma conta cunha parte pública, na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais, en unha parte privada á que poden acceder as e os comerciantes, hostaleiros e produtores locais para buscar provedores próximos, interactuar con outros negocios da provincia para emprender proxectos conxuntos, aprender sobre estratexias comerciais en Internet, afondar en temas como o márketing, a tecnoloxía, a sensibilización ambiental e coñecer de primeira man a experiencia de expertos nesas materias e formular iniciativas comúns a través dunha ferramenta de comunicación interna.