As novas contratacións permiten abordar un  plan de limpeza en espazos públicos de Catoira 

La Voz CATOIRA

CATOIRA

Augas de Galicia realiza labores de limpeza nos regatos de Catoira
Augas de Galicia realiza labores de limpeza nos regatos de Catoira

Augas de Galicia aborda a limpeza de 3,1 quilómetros de regatos no municipio

30 abr 2025 . Actualizado a las 16:25 h.

O Concello de Catoira vai realizar un programa de limpeza das rúas, parques infantís, cunetas e instalacións para mellorar as infraestruturas e equipamentos do Concello nos vindeiros meses. A incorporación de oito persoas con contratos temporais á brigada de Obras e Servizos permitirá rozar a maleza de camiños e outros espazos municipais e reabrir o Museo do CACTO.

O alcalde, Xan Castaño, destaca que a xa se están poñendo ao día a limpeza das rúas do centro da vila, así como os parques infantís. Tamén se actuará realizando rozas en camiños, manual e con maquinaria e outras áreas municipais nas que é preciso retirar vexetación.

Por outra parte, o programa chegará tamén ás instalacións e edificios municipais que, aínda que xa dispoñen de contrato de limpeza, precisan unha intervención extraordinaria, segundo informa o Concello. É o caso, por exemplo, explica Castaño, das instalacións do CEMUMA e outros centros sociais, nos que diariamente hai actividades con persoas maiores, «polo queremos que estean en condicións óptimas».

Todos estes traballos realizaranse grazas a que o Concello dispón dunha subvención provincial de 93.227 euros ao abeiro da Liña 3 de activación do emprego 2025 do Plan +Provincia.

Por outra banda, Augas de Galicia comezou a executar onte actuacións de conservación e mantemento en máis de 3,1 quilómetros de varios regos, no concello de Catoira, en concreto nas Pozas e Gondomil ao seu paso pola parroquia de Santa Baia e nun tramo de algo máis de 1,2 quilómetros do río Catoira nas parroquias de San Pedro de Dimo e San Miguel. Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies exóticas invasoras, segundo informa a Xunta.

O prazo de execución é de seis semanas e os traballos realízanse de xeito manual.